A TIC da Deputación dará proxección internacional a Foz e aos Concursos de baristas coa emisión en directo das tres xornadas

Edición anterior do concurso de baristas de Foz (Foto: Fundación TIC)

A Fundación TIC da Deputación de Lugo emitirá en directo os Campionatos Internacionais de Baristas que se celebran en Foz do 21 ao 23 de febreiro. Alumnos da Escola de Imaxe e Son serán os encargado do streaming, que poderá verse a través de Facebook e YouTube.

O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, acompañado polo director do IES de Foz, Nicolás Asensio, presentou a nova colaboración nun acto no que un alumno de hostalería do centro focense preparou unha degustación de cafés.
 
Santos dixo que “celebramos dez anos de frutífera colaboración, que vai máis aló do ámbito formativo, xa que grazas a esta emisión, a TIC dá proxección nacional e internacional tanto ao Concello de Foz como ás competicións. Debemos ter en conta que este ano participan 18 Escolas de Hostalería de Galicia, Cantabria, País Vasco, Castela e León e, por primeira vez, unha Escola de París. A isto hai que engadirlle o campionato de profesionais, con 12 participantes, que suscita gran interese no sector.
 
Unha colaboración que vai a máis
 
Segundo o responsable provincial, “a colaboración vai a máis cada edición. Hai dez anos ía só algún alumno da EIS gravar unha xornada. Neste 2018 desprazaranse a Foz todos os estudantes de segundo de realización que, baixo a supervisión dun docente, serán os encargados da emisión por streaming das tres xornadas. Esto supón unha gran oportunidade para que o alumnado da nosa Escola poña en práctica os seus coñecementos e adapte a súa formación á demanda dun sector en continuo cambio”.
 
O streaming realizarase con cinco cámaras, e os alumnos rotarán por todos os postos: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización e realización. Ademais, este ano, como novidade, os estudantes tamén editarán, in situ, cada unha das probas por separado para compartilas inmediatamente nas redes.
 
“Este é, por tanto, un exemplo do noso modelo educativo, baseado nas prácticas en escenarios reais. O streaming obrigará aos nosos alumnos a vivir o estres do directo e a enfrontarse aos problemas que sempre xorden nunha emisión destas características. Tamén deberán ser rápidos coa edición dos vídeos das probas. É dicir, terán que afrontar as mesmas situacións que atoparán cando accedan ao mercado laboral”, o patrón da TIC.
 
FUNDACIÓN TIC