A TIC da Deputación de Lugo realizará para Teledeporte un vídeo do III Cross Ponte Romana

Cartel do III Cross Ponte Romana

O Cross Ponte Romana de Lugo celebrarase o 25 de novembro e será gravado e editado por un equipo de profesionais e bolseiros da TIC.

A TIC da Deputación de Lugo realizará un audiovisual sobre o III Cross Ponte Romana que se emitirá en Teledeporte de RTVE. Trátase dunha proba deportiva que, con só tres anos, xa forma parte do calendario da Federación Española de Atletismo e da Asociación Nacional de Organizadores de Crosses.
 
A cita, o 25 de novembro nos arredores do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, será gravada por un equipo de profesionais e bolseiros da Escola de Imaxe e Son da TIC, para a edición dun vídeo que recompile o transcurso da carreira.
 
O audiovisual emitirase a través da canle deportiva de RTVE, Teledeporte, nos días posteriores á cita. O acordo entre a empresa organizadora, Champion Chip Norte, e a TIC repítese por segundo ano consecutivo permitindo, deste modo, dar a coñecer a cidade de Lugo, e o seu patrimonio monumental e paisaxístico, a nivel nacional e internacional. Este é un dos obxectivos da proba, que espera continuar medrando en sucesivas edicións.
 
Homenaxe a Tito Margaride
 
O ex atleta lucense e bronce nos Xogos Paralímpicos de Sídney 2000, Tito Margaride,  será o deportista homenaxeado nesta edición, que espera máis de mil participantes de todas as idades. Tito Margaride, natural do Concello lucense da Pontenova, é todo un referente do atletismo galego. En 1992 viu truncada a súa exitosa traxectoria deportiva a consecuencia dunha trombose, pero seguiu no mundo do deporte como paraolímplico.
 
FUNDACIÓN TIC