A TIC de Deputación de Lugo proxecta un audiovisual sobre María Luz Morales na entrega dos Premios dedicados á xornalista galega
O vídeo, producido e elaborado por alumnos da Escola de Imaxe e Son coa axuda de profesionais da TIC, fai un percorrido pola vida da primeira directora dun xornal en España.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo proxectou un vídeo sobre María Luz Morales durante o acto de entrega dos Premios que levan o nome desta xornalista galega, primeira muller encargada de dirixir en España un xornal. O audiovisual foi producido e elaborado por alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo da TIC co apoio de profesionais da entidade. A montaxe, que inclúe fotografías e vídeos, fai un repaso pola vida profesional da protagonista, que naceu na Coruña en 1889.
O acto de entrega, que lugar tivo na Deputación de Lugo, estivo presidido polo máximo responsable da TIC e da institución provincial, Darío Campos, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, e representantes das Deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra.
Fomentar estudos sobre o audiovisual
Os Premios María Luz Morales, que convoca por segundo ano consecutivo a Academia Galega do Audiovisual, conta coa colaboración das catro Deputacións galegas. Nesta ocasión, a de Lugo foi a encargada de acoller o acto no que se deron a coñecer os vencedores das catro categorías: vídeo-ensaio audiovisual galego; vídeo-ensaio audiovisual internacional; ensaio escrito audiovisual galego; e ensaio escrito audiovisual internacional.
Estes recoñecementos pretenden incrementar o interese polos estudos sobre o audiovisual tanto en formato de vídeo como escrito. Á hora de elixir os catro proxectos gañadores, o xurado valorou a importancia dunha voz propia e unha actitude crítica que permita a independencia profesional, elementos xa valorados por María Luz Morales.
Unha vida adicada ao xornalismo cultural
Morales foi pioneira no xornalismo cultural. Baixo un pseudónimo masculino foi a encargada de redactar críticas de cine e teatro en La Vanguardia, xornal que dirixiu entre 1936 e 1937. Galeguista e feminista, Morales converteuse nun referente no xornalismo, profesión pola que foi inhabilitada durante o franquismo. Ao longo da súa vida foi amiga de figuras tan destacadas como García Lorca, Margarita Xirgu, Marie Curie ou Gabriela Mistral.
FUNDACIÓN TIC