A TIC emitiu por cuarto ano en streaming o VI Concurso Lucus Intercentros que se celebrou no IES Muralla de Lugo

Gravación do VI Concurso Lucus Intercentros (Foto: Fundación TIC)

A Fundación TIC da Deputación emitiu en streaming a sexta edición do Concurso Lucus Intercentros que se celebrou onte, día 27 de abril, no IES Muralla Romana. Por cuarto ano consecutivo, alumnos, bolseiros e profesionais da TIC realizaron a transmisión online desta competición entre institutos que se puido seguir a tempo real a través dun banner habilitado nas web da TIC www.fundaciontic.org e do IES Muralla Romana www.edu.xunta.es/centros/iesmurallaromana/.

A realización do certame fíxose con catro cámaras para ofrecer en detalle a evolución da competición na que participaron estudantes de primeiro curso de Bacharelato dos sete institutos de Educación Secundaria que hai na cidade de Lugo. Isto permitiu o resto de alumnos e profesorado destes centros seguir desde as aulas que ocupan habitualmente a participación dos seus compañeiros. Ademais, os que non puideron conectarse ese día en directo poderán ver nas vindeiras semanas o concurso en diferido na canle do Youtube da TIC. 

O certame é unha das prácticas do currículo de Asistencia á Dirección na organización de eventos e actos públicos, do Muralla Romana. Da súa organización ocupáronse alumnos de Administración e Xestión, coa colaboración do departamento de Informática, do CIFP Politécnico de Lugo, da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e da Escola de Imaxe e Son de Lugo, EIS. 

Xornada lúdica e educativa

O Lucus Intercentros busca relacionar a través dunha xornada lúdica aos alumnos e profesores dos institutos de educación secundaria públicos de Lugo. Estes son: Anxel Fole, Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, Muralla Romana, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Sanxillao e Xoán Montes. 

A colaboración da Fundación TIC nesta iniciativa é froito dun convenio asinado co IES Muralla Romana por un dobre obxectivo: promover as ensinanzas que se imparten no instituto lugués, e completar a formación dos estudantes da EIS cara a súa inserción laboral.

Concurso e premios

O concurso que tivo lugar no salón de actos do IES Muralla Romana, contou con probas eliminatorias. Cada centro presentou un equipo formado por 3 alumnos, que en dez minutos tiveron que contestar a unha decena de preguntas de cultura xeral, elaboradas polos profesores dos distintos departamentos do centro anfitrión. As cuestións tipo test e as respostas realizáronse a través de ordenadores.

Ao remate da xornada fíxose a entrega dos premios aos gañadores, que recibiron tabletas, auriculares, e altofalantes, así como un accésit dotado cunha batería portátil.

FUNDACIÓN TIC