A V edición da bolsa 'Nacho Mirás' abre até o 29 de maio o prazo de presentación de traballos

  • Xosé Ramón Pouisa Sara Barreiro, Antonio Méndez, Alejandro Vázquez, Belén Regueira e Ramón Mariño, na presentación
  • Acto de presentación da V Bolsa Nacho Mirás para novos titulados
  • Presentación de Entrelinguas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu hoxe a presentación da quinta edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade. A iniciativa ten cunha dotación de 6.000 euros, que estarán destinados a proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 29 de maio de 2020.

O acto abriuno Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que quixo lembrar a relevancia da figura de Nacho Mirás tanto como profesor da universidade como profesional do xornalismo. Ademais sinalou que esta bolsa é moi importante para as novas xeracións de titulados, dado que lles da a oportunidade de levar a cabo traballos que son exemplos de innovación na profesion. 

O director de zona de Santiago Cidade de Abanca, Ramón Mariño Pérez, asegurou que a entidade está moi satisfeita por poder formar parte dun proxecto que pon en contacto a sociedade cos futuros xornalistas, fomentando os proxectos que as novas xeracións queren levar a cabo no ámbito da comunicación.  

A continuación, Belen Regueira, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, presentou as bases desta quinta edición da bolsa para novos titulados. Ademais, presentou ao alumnado da USC a campaña 'Colexiate!', pola que os estudantes de Xornalismo que teñan superados máis da metade dos créditos poden colexiarse de forma gratuíta e acceder aos servizos que ofrece o CPXG.

Entrelinguas

O acto acolleu tamén a presentación da iniciativa gañadora da pasada edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’, Entrelinguas, unha reportaxe multimedia que pretende achegar ao público unha visión conxunta das diferenzas lingüísticas de Galicia, a través das diversas áreas dialectais que a conforman. Ademais, este proxecto procura reflectir a variedade histórica, cultural, social, natural e etnográfica do territorio galego mediante o labor xornalístico en trece concellos da comunidade. 

O proxecto está realizado por Alejandro Vázquez Corral, Sara Barreiro Álvarez e Antonio Méndez Rodríguez. Na presentación, os responsábeis do proxecto aseguraron que Entrelinguas "representa moi ben o xornalismo", dado que é unha reportaxe que se inicia buscando unha historia (a lingua), pero que a través dela vai atopando outras, que rematan por facer un retrato de cada un dos trece concellos reflectidos na web. 

A bolsa Nacho Mirás para novos titulados

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2020, 2019, 2018, 2017 ou 2016) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.

O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de maio.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional.

Colexiación gratuíta para os estudantes de Xornalismo

Seguindo a campaña de Coléxiate!, os estudantes de Xornalismo que teñan superados máis da metade dos créditos poden colexiarse de forma gratuíta e acceder aos servizos que ofrece o CPXG. Quedan tamén exentos de pago de cota ata rematar os seus estudos, para o cal dispoñen de dous anos.

A colexiación pode realizarse a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida, pódese contactar co Colexio de Xornalistas na sede de Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo), no teléfono 981 935 670 ou por correo electrónico escribindo para xornalistas@xornalistas.gal.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG