A Xunta de Goberno do CPXG pide cautela nas críticas sindicais ás informacións sobre o conflicto do metal de Vigo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), como entidade que representa legalmente a toda a profesión periodística no noso país, diríxese ás centrais sindicais con representación no sector do metal de Pontevedra, para pedirlles prudencia nos seus pronunciamentos sobre a cobertura informativa que está a ter o conflito da negociación do seu convenio colectivo.
En concreto, o comunicado emitido pola CIG o pasado luns 8 de xuño remata dicindo: "Algúns Medios de Comunicación, Prensa, Radio e Televisión, como empresas que son, ofrecen unha imaxe trucada da realidade diaria, queren que fracasemos porque a nosa loita é unha excepción á submisión que pretenden da Clase traballadora. Responsabilizan aos traballadores da violencia para restarnos apoio social, cando somos os únicos agredidos". Esta Xunta de Goberno entende que calquera persoa ou organización está no seu lexítimo dereito de criticar a liña informativa ou editorial de calquera medio, pero tamén debe recordar que, segundo a terminoloxía do comunicado, quen están na rúa cubrindo as mobilización son traballadores, non as empresas.

No contexto do conflito do metal de Vigo, no que se produciron accións violentas por parte de elementos incontrolados sobre compañeiros de profesión, determinadas afirmacións sen matizar poden parecer un chamamento a converter as críticas en presións –ou algo peor- sobre os informadores.