A xustiza belga prohíbe a Google difundir noticias sen autorización

Un tribunal de Bruxelas confirmou onte a prohibición a Google, o popular motor de busca en Internet, de difundir texto e fotografías de varios diarios belgas sen o consentimento destes. Google deberá aboar un total de 3,38 millóns de euros pola difusión de noticias dos medios de comunicación sen permiso.
A sentenza do tribunal de apelación ratifica unha decisión xudicial de setembro pasado emitida pola Corte de Primeira Instancia de Bruxelas, aínda que reduce de 1 millón a 25.000 euros a multa por día de demora na retirada dos contidos de periódicos que difundía sen permiso.

Por iso, segundo informou nunha rolda de prensa Copiepresse (xestora dos dereitos de editores belgas de prensa diaria), Google deberá aboar un total de 3,25 millóns de euros polos 130 días nos que continuou publicando contidos sen autorización no seu sitio web Google News.

Ademais, verase obrigada a pagar 125.000 euros polos cinco días que tardou en publicar na súa páxina a sentenza, tal e como establecía o fallo do Tribunal de Primeira Instancia.

Google ten intención de recorrer a decisión do tribunal, segundo confirmou Copiepresse.

Tras coñecer a sentenza, a sociedade, que xestiona os dereitos de varios diarios en francés e alemán editados en Bélxica, convidou a Google e a outros motores de busca como MSN e Yahoo! a negociar a presenza de contidos de prensa nas súas páxinas de actualidade.

"Non queremos ningún triunfalismo, simplemente se confirmou o dereito de autor", sinalou o vicepresidente de Copiepresse, Philippe Nothomb, quen asegurou que a demanda buscaba unicamente "aclarar a situación".

No ditame coñecido onte, o tribunal entende que ó difundir no seu sitio de Internet violáronse os dereitos de autor.

Ademais, un grupo de discográficas estadounidenses acusou a Google de se beneficiar de dúas páxinas dedicadas ó intercambio de arquivos musicais a través de redes P2P ó asignarlles sendas contas do seu servizo Adsense para se aproveitar da súa gran cantidade de visitas, segundo informa "The Wall Street Journal". Para a acusación, Google deuse conta do éxito que no seu momento tiveron as páxinas EasyDownloadCenter.com e TheDownloadPlace.com e chegou a acumular ganancias de ata 1,1 millóns.

BRUXELAS
EL IDEAL GALLEGO / AXENCIAS