Al Jazeera, no albo da crise diplomática no Golfo Pérsico

Instalacións de Al Jazeera English (Foto: Osama Saeed Bhutta (CC BY-NC 2.0))

As emisións de Al Jazeera atópanse no cerne da crise diplomática con Qatar, logo de Bahréin e os Emiratos Árabes Unidos esixiran o seu peche. Varios organismos internacionais condenaron a demanda, á que a canle de televisión respondeu cunha carta aberta en defensa da liberdade de prensa. 

O pasado 5 de xuño, sete países (Arabia Saudita, os Emiratos Árabes Unidos, Bahréin, Exipto, Iemen, Libia e as Maldivas) cortaban as relacións diplomáticas con Qatar, acusando a este estado de "apoio a varios grupos terroristas e sectarios que teñen como obxectivo desestabilizar a rexión". Á raíz da crise, os gobernos de Arabia Saudita, Bahréin e os Emiratos Árabes Unidos enviaron ao emirato qatarí unha lista de dez demandas, esixindo que se cumpriran para restablecer os contactos diplomáticos. Entre estas, encontrábase o peche da canle de televisión Al Jazeera.

O goberno qatarí rexeitou cumprir as esixencias, e Al Jazeera, que as cualificou de "tentativa desesperada de silenciar os medios de comunicación libres", manifestou a súa intención de seguiren traballando "sen ningún tipo de restriccións por parte de gobernos ou entidades". Ademais, a reclamación do peche da canle provocou a indignación de numerosos organismos internacionais, como a Federación Internacional de Xornalistas, Reporteiros sen Fronteiras ou mesmo o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.

A finais deste mes, Al Jazeera contestaba ás esixencias dos países árabes cunha carta aberta na que expresaban as súas propias demandas. Na misiva, a canle reclama que os xornalistas sexan capaces de facer o seu traballo libres de intimidación e ameazas, que o público teña acceso a información imparcial e que a profesión do xornalismo e dos que a serven non sexan criminalizados". A súa demanda resúmese en "honrar a liberdade de prensa - en primeira instancia para Al Jazeera, máis tamén para cada proveedor de noticias e xornalista, onde queira que estean". Unha liberdade de prensa que non sempre se respectou para Al Jazeera, un medio de comunicación molesto para moitos na rexión.

CPXG