Alfredo Okenve nos Almorzos On/Off: "Non entendemos como Guinea Ecuatorial non sae nos medios de comunicación españois"

Victoriano de la Torre, representante de Amnistía Internacional, e Alfredo Okenve, no Almorzo On/Off

Alfredo Okenve, defensor dos dereitos humanos e cofundador do Centro de Estudios e Iniciativas para el Desarrollo (CEID) en Guinea Ecuatorial, denunciou hoxe no Almorzo On/Off organizado en Santiago polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Amnistía Internacional a falta de información en España sobre a situación no país africano, onde "todos os dereitos están conculcados"

Este ano fanse en Guinea Ecuatorial 40 anos da chegada ao poder de Teodoro Obiang Nguema e 51 da independencia de España. O país ten unha das rendas per capita máis altas de África, pero un índice de desenvolvemento humano que non está acorde con esta situación. As persoas que defenden os dereitos humanos en Guinea Ecuatorial sofren cada vez máis ataques. A cidadanía enfróntase a detencións arbitrarias, torturas, e incluso tentativas de asasinato, nunha realidade diaria na que "todos os dereitos están conculcados, e sempre foi asi". "O poder en Guinea Ecuatorial é unha relación de violencia", resume Alfredo Okenve, que sufriu nas súas propias carnes o "acoso sistemático" do goberno de Obiang. 

Okenve salientou que "un dos dereitos civis que os mozos anhelan máis" é o das liberdades de prensa e de expresión, que "practicamente non existe". Como exemplo, puxo a situación da televisión, con só dúas canles no país: a televisión pública estatal TVGE, e Asonga TV, unha canle privada propiedade de Teodoro Nguema Obiang Mangue, fillo do presidente e el mesmo vicepresidente do país e do partido dirixente. Esta situación que está a cambiar lixeiramente, grazas a medios de comunicación guineanos no estranxeiro que están a publicar información do país na Internet, pero o acceso ás redes é moi limitado e "o sentimento que os cidadáns teñen de control é total".

O activista denunciou tamén a invisibilidade de Guinea Ecuatorial nos medios españois, malia a que "existe unha responsabilidade e unha conexión con España que vai máis alá do nivel histórico". "A ditadura que temos en Guinea vén da ditadura franquista, reproduce o que aprenderon" nun sistema colonial no que a cidadanía sufría unha dobre opresión, a colonial e a ditatorial. "Se é por relación histórica ou cultural, non entendemos como Guinea non sae nos medios de comunicación aquí" denunciou Okenve. Como exemplo da "invisibilidade total de Guinea Ecuatorial nos medios españois" puxo a escasa cobertura da desaparición dos cidadáns españois Feliciano Efa e Julio Obama, desaparecidos xunto a dous ecuatoguineanos o pasado mes en Sudán do Sur, un caso no que se ten apuntado á intervención dos servizos de intelixencia de Guinea Ecuatorial, aínda que Amnistía Internacional non ten confirmado este aspecto polo momento. 

Alfredo Okenve

Alfredo Okenve é físico e mestre. Leva vinte anos como defensor dos dereitos humanos, e foi cofundador e vicepresidente do Centro de Estudios e Iniciativas para el Desarrollo (CEID) en Guinea Ecuatorial, organización disolta polo governo guineano en xullo pasado baixo a acusación de ter realizado “actividades políticas”. O pasado 15 de marzo, foi detido tras prohibírselle acudir á entrega, en Malabo, do Premio Franco-Alemán de Dereitos Humanos e Estado de Derecho, concedido polas embaixadas de Francia e Alemaña, do que era un dos quince premiados. 

O Equipo de Educación de Amnistía Internacional Galicia organiza esta xira de Alfredo Okenve pola nosa comunidade. Ademais de Santiago de Compostela, Okenve visita Pontevedra, Barbanza, Ourense, A Coruña ao longo desta semana, e está a realizar actividades co alumnado do IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o IES Laxeiro (Lalín), o IES Porto do Son e o IES Monte das Moas (A Coruña).

Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

Demarcación de Santiago
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia