Almorzo On/Off con Alfredo Okenve, defensor dos dereitos humanos en Guinea Ecuatorial, o mércores 18 en Santiago de Compostela

Alfredo Okenve, defensor dos dereitos humanos e cofundador do Centro de Estudios e Iniciativas para el Desarrollo (CEID) en Guinea Ecuatorial, participará o vindeiro mércores 18 de decembro nunha edición especial dos Almorzos On/Off en Santiago. O encontro terá lugar a partir das 12:15 horas na Sala de Xuntas da sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (Rúa Ponferrada, 9, baixo).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Amnistía Internacional organizan este acto que dará comezo ás 12:15 horas. Por motivos de organización, para poder asistir  é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.gal ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Alfredo Okenve

Alfredo Okenve é físico e mestre. Leva vinte anos como defensor dos dereitos humanos, e foi cofundador e vicepresidente do Centro de Estudios e Iniciativas para el Desarrollo (CEID) en Guinea Ecuatorial, organización disolta polo governo guineano en xullo pasado baixo a acusación de ter realizado “actividades políticas”. O pasado 15 de marzo, foi detido tras prohibírselle acudir á entrega, en Malabo, do Premio Franco-Alemán de Dereitos Humanos e Estado de Derecho, concedido polas embaixadas de Francia e Alemaña, do que era un dos quince premiados. 
 
Este ano fanse en Guinea Ecuatorial 40 anos da chegada ao poder de Teodoro Obiang Nguema e 51 da independencia de España. O país ten unha das rendas per capita máis altas de África, pero un índice de desenvolvemento humano que non está acorde con esta situación. As persoas que defenden os dereitos humanos en Guinea Ecuatorial sofren cada vez máis ataques. Nos últimos tres anos varios destacados activistas, como o propio Okenve, teñen sido obxecto de acoso, malos tratos ou detención arbitraria.
 
O Equipo de Educación de Amnistía Internacional Galicia organiza esta xira de Alfredo Okenve pola nosa comunidade. Ademais de Santiago de Compostela, Okenve visitará Pontevedra, Barbanza, Ourense, A Coruña ao longo desta semana, e realizará actividades co alumnado do IES Sánchez Cantón (Pontevedra), o IES Laxeiro (Lalín), o IES Porto do Son e o IES Monte das Moas (A Coruña).
 
Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

Demarcación de Santiago
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia