Alumnos de A Coruña participan hoxe nos obradoiros de ‘Xornalismo na Escola’

O Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” achegan o funcionamento dos medios de comunicación a escolares do IES Otero Pedrayo.

A segunda edición de “Xornalismo na Escola”, un programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa`, chegará de novo o vindeiro luns día 24 de abril, á cidade herculina para amosar o xornalismo desde outro punto de vista. 
    
Case medio cento de alumnos terán a oportunidade de participar este luns nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuir a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Este luns o IES Otero Pedrayo pasará a formar parte da familia de centros que teñen acollido os obradoiros de Xornalismo na Escola. Hai dúas sesións programadas, a primeira será as 09:30 horas e a segunda as 12:20. Os dous talleres impartidos pola xornalista Lucía Álvarez, terán como público a alumnos do último ciclo da E.S.O.

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 cos que se pretende chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Nove xornalistas -todos eles con ampla traxectoria profesional- son as persoas encargadas de levar a cabo os talleres que se están a celebrar en distintos concellos de Galicia.

A programación desta segunda edición de Xornalismo na Escola comezou o pasado mes de marzo e prolongarase ata o mes de maio. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os profesionais que están a impartir os obradoiros en centros escolares de  A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía, entre outras localidades. 

O proxecto “Xornalismo na Escola”, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é froito dun acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´La Caixa`. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta mesma iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares nos que se veñen celebrando obradoiros de semellantes características.

CPXG