Ángel Paniagua: ″A Administración traballa como se a información fose súa e estamos no século XXI, pertence á cidadanía″

Foto: Óscar Vázquez

Ángel Paniagua traballa como xornalista na súa cidade, Vigo, onde é subdelegado de La Voz de Galicia. Especializado na información sanitaria, publicou datos da COVID-19 en exclusiva nun momento no que a Xunta non os estaba a facer públicos e cubriu desde a delegación viguesa do xornal a incidencia da pandemia na área sanitaria máis poboada de Galicia.

–Que balance fas deste ano de pandemia?

Neste momento é un balance moi canso, creo que estamos todos esgotados. No persoal este foi un ano súper interesante polo feito de poder aprender un montón de cousas e de estar no camiño de aprender outras moitas. E no profesional foi un ano no que reforzar moito a utilidade que ten a nosa profesión. Pero tamén foi un ano bastante complexo de xestionar no eido persoal, aínda que vivín o tema profesional con moita paixón.

–Como che cambiou a COVID o día a día no traballo?

A chegada da COVID obrigoume a pasar moito tempo metido no Excel ou na folla de cálculo de Google. Un labor en ocasións moi de conseguir datos, sobre todo nesa época na que había menos dispoñibilidade por parte da Administración. Tiven que aprender a traballar na casa e picar moita pedra porque no inicio da pandemia –atribúoo á tensión na que estabamos todos– era difícil falar coas fontes, incluso resultaba violento nalgún momento. Había que darlle moitas voltas aos temas para conseguir cousas e facer trinta mil chamadas...

–Sinalas eses meses nos que non dispoñiamos, nin os xornalistas nin a poboación no seu conxunto, dos datos de incidencia concretos da pandemia en Galicia. Fuches quen naquel momento de publicar informacións exclusivas dos concellos galegos, como foi?

Penso que a Administración segue bastante pechada en banda co tema da transparencia, fóronse conseguindo cousas... pero por exemplo co tema dos concellos: Por que a Xunta comezou a publicar eses datos? Por que estaba convencida de que tiña que publicalos? Non, hai unhas declaracións moi claras do presidente da Xunta nas que di de forma que non deixa lugar a dúbidas que non se deben publicar os datos por concellos. Por que os acaba publicando? Porque un medio de comunicación empeza a publicarllos. 

No tema dos datos, desde o principio da pandemia vivimos unha falta de transparencia atroz. A situación foi evolucionando e agora hai máis dispoñibilidade de información pero é claramente insuficiente. Un compara a información que facilitan outras autonomías e estamos á cola. Desde o meu punto de vista, a Administración traballa como se a información fose súa. Estamos no século XXI, a información non pertence ás Administracións, pertence á cidadanía. 

"Para que o xornalismo funcione ten que haber unha cidadanía que crea nel, e crer no xornalismo de calidade é consumilo"

 

–E iso como repercute na posibilidade de facer bo xornalismo?

Seguro que estamos de acordo en que facer bo xornalismo consiste en varias cousas: Unha é explicarlle á cidadanía as cousas que están a pasar, outra é dar información que sexa útil, outra é –citando unha máxima que se repite constantemente– publicar aquilo que o poder non quere que se publique. Entón, facer bo xornalismo nun momento de opacidade claro que é posible. Temos que ser conscientes de que existe esa opacidade e tratar de dobregala. A min gustaríame dedicar moito máis esforzo a explicar as cousas, sobre todo nesta pandemia na que hai unha realidade moi complexa, máis que a conseguir datos. Pero se a Administración nos pon eses atrancos temos que intentar superalos. 

–Comentas que foi difícil acceder incluso ás fontes que xa manexabas, coincides en que coa pandemia se evidenciou a importancia da especialización no xornalismo? 

Si, non podo estar máis de acordo. Especializarse en xornalismo é complexo nun contexto no que ninguén nos dedicamos en exclusiva a un campo, senón que cubrimos informacións moi variadas. Sería desexable poder centrarnos nun só ámbito, pero o panorama é o que é. Pero a especialización, que supón entender un idioma que se fala nun determinado eido profesional, creo que é a gran necesidade da profesión e o que permite dar resposta dunha maneira máis axeitada e rigorosa nunha crise deste tipo. Ademais, creo que a necesidade da especialización no xornalismo é algo que ninguén pode discutir neste momento.

–Esa especialización require de medios para as e os xornalistas por parte das empresas, que están a ver como caen os ingresos por publicidade mentres as e os profesionais viven un aumento da precariedade na súa situación laboral. Como vos repercutiu todo isto no xornal?

Cando falamos da situación da profesión, moitas veces parece que temos respostas para todo, pero que quede claro que eu non as teño. Hai un par de cuestións que creo que son evidentes, o xornalismo vivía xa de seu unha crise de modelo desde hai varios anos, e agora todas as empresas están en busca dun modelo; e aínda que todos teñamos claro que hai que apostar por un modelo de xornalismo de calidade, ese modelo non pode prevalecer se non ten detrás un proxecto empresarial solvente, sólido, polo menos rendible. Eu diso non sei nada, pero se non hai unha empresa detrás que o apoie, o xornalista non ten nada que facer.

O certo é que foi un ano complicado de traballo, no que un non se para a mirar as horas extra porque estabamos nunha crise, pero non sei se no meu caso sería honesto falar de precariedade. A empresa tivo que tomar decisións que imaxino que a ningún empresario lle gusta tomar, como é pedirnos que nos baixásemos o salario todos os meses para facer fronte a unha situación moi complexa e economicamente moi incerta. O cadro de persoal votou a favor, e loxicamente non é agradable para ninguén cobrar menos. Ben é certo que cando a empresa pechou o ano nunha situación mellor do previsto inicialmente, devolveunos os cartos.

"Na pandemia vin que informacións propias, boas e diferenciadas, estaban entre as máis lidas. E iso é o que me reconcilia coa utilidade do noso traballo"

 

–Como ves o concepto da ″infodemia″ do que tanto se está a falar?

Pois paréceme que é moi anterior á crise da COVID. Hai unha parte que ten que ver coa crise do xornalismo que descansa sobre os ombreiros dos lectores e espectadores, porque para que o xornalismo funcione ten que haber unha cidadanía que crea nel, e crer no xornalismo de calidade é consumilo. É non dar maior valor a calquera mensaxe que che chega por Whatsapp que a que a unha información seria e traballada dun medio de comunicación, aínda que trastoque a túa forma de ver as cousas. E tamén é esixir aos medios que fagan ben as cousas.

Eu ás veces pregúntome se a cidadanía realmente quere unha información de calidade, diferente, boa... Non digo que nós como colectivo non teñamos certa culpa de que a xente non aposte máis por este tipo de produtos, pero é certo que hai momentos nos que un pensa que a xente está disposta a tragarse calquera cousa. Con todo, e porque temos estatísticas boas en tempo real do sitio web, na pandemia vin que informacións propias, boas e diferenciadas, estaban entre as máis lidas. E iso é o que me reconcilia coa utilidade e o sentido do noso traballo. 

–Experimentamos momentos de moita confusión desde que chegou a COVID ás nosas vidas e, ás veces, son as propias Administracións públicas as causantes de contradicións que as e os xornalistas teñen que tratar de clarificar.

Cando non son contradicións de eles consigo mesmos... Entendo que desde o punto de vista dos gobernantes tampouco foi un ano sinxelo, e hai que recoñecer que as persoas somos contraditorias. Pero é certo que nestes meses se viviron situacións nas que había que explicar cousas básicas. Poño como exemplo as restricións que vai tomando periodicamente a Xunta sobre as cousas que podes facer e as que non, porque explicarlle á cidadanía todo iso incluso mellor que a propia Administración é algo que se demandou moito. Ao mellor isto non é unha noticia no sentido estrito que estudamos na facultade, pero seguramente é o máis importante que lle podemos contar aos lectores nun momento dado.

–Antes citamos a opacidade no acceso á información, unha práctica que tamén se exerceu desde o Sergas. Ti puideches entrar a contar o que pasaba na UCI dun hospital portugués, como foi iso?

Si, fixen unha reportaxe no Hospital São João do Porto hai mes e medio para a que non tivemos ningún tipo de impedimento. Abríronnos a porta ata onde quixéramos pasar. As normas que foi empregando o Sergas para os seus propios hospitais na primeira onda foron moi restritivas, non podíamos entrar a nada. A min houbo un día que me identificou o persoal de seguridade do Cunqueiro porque andaba pola contorna do hospital. Que non poida haber xornalistas nos hospitais é coherente coa opacidade do Sergas e coa súa forma de manexar estas cousas. Hai que recoñecer que moitas veces os xornalistas dos medios temos unhas necesidades que son diferentes ás que ten a Administración. Seguramente por nós estariamos permanentemente na UCI e comeriamos e durmiriamos alí para ver o que pasa, pero entendo que iso tampouco se poida facer. Con todo, non é só en Portugal, eu vin que noutras Comunidades Autónomas se puideron facer reportaxes en profundidade, incluso en Madrid. Aquí imos a outro ritmo.

"Que non poida haber xornalistas nos hospitais é coherente coa opacidade do Sergas e coa súa forma de manexar estas cousas"

 

–Que puideches contar desde o hospital do Porto que che gustaría tamén poder contar desde Vigo?

Falar cos pacientes que estaban enfermos nese momento. Así como antes conviñamos que conseguir os datos, e poder debullalos, explica moito da realidade, estamos a falar dunha crise que trastornou as nosas vidas de arriba a abaixo e non debemos esquecer que todo son historias de persoas. Por iso, quizaos de entrar na UCI do Porto o máis rico foi poder falar cos doentes que estaban alí ingresados. 

–Precisamente, produciuse un debate sobre que o feito de non poder contar o que pasaba dentro dos hospitais impedía dar unha imaxe completa do que estaba a suceder e podía quedar atrás a parte máis crúa da pandemia.

Si, creo que ás veces como sociedade fomos perdendo o sentido da realidade porque cando un empeza a dar cifras de 200 mortos, 300 mortos, 500 mortos... esquece un pouco o que hai detrás. De feito, despois deste ano, seguramente esteamos todos un pouco máis insensibilizados. Lembro que na facultade lin algún texto un tanto provocador sobre que un morto nos Estados Unidos equivale a 1.500 de África polo peso que lle damos os medios. Algo disto pode estar pasándonos agora, e consideramos que é bo un día con vinte mortos cando estamos a falar de vinte vidas. 

–Cres que se desatenderon outros temas, incluso na propia información de sanidade, coa pandemia? 

Por suposto que si. No mes de marzo os hospitais deixaron de operar, só operaban cancros e urxencias. Se os médicos deixaron de lado outros temas como non o iamos facer nós? Aínda non se sabe todo o que vai aflorar da crise non directamente da COVID, se non que a COVID trastornou. Deixamos de tocar moitos temas porque vivimos nunha emerxencia, e seguramente sexa hora tamén de permitir que repouse un pouco o tema porque non podemos estar máis dun ano en situación de emerxencia. Semella que é o momento xa de mover pezas e reconfigurarnos un pouco. 

ANA G. LISTE