Ángel Paniagua: ″A Administración traballa como se a información fose súa e estamos no século XXI, pertence á cidadanía″

Foto: Óscar Vázquez

Ángel Paniagua traballa como xornalista na súa cidade, Vigo, onde é subdelegado de La Voz de Galicia. Especializado na información sanitaria, publicou datos da COVID-19 en exclusiva nun momento no que a Xunta non os estaba a facer públicos e cubriu desde a delegación viguesa do xornal a incidencia da pandemia na área sanitaria máis poboada de Galicia.

–Que balance fas deste ano de pandemia?

Neste momento é un balance moi canso, creo que estamos todos esgotados. No persoal este foi un ano súper interesante polo feito de poder aprender un montón de cousas e de estar no camiño de aprender outras moitas. E no profesional foi un ano no que reforzar moito a utilidade que ten a nosa profesión. Pero tamén foi un ano bastante complexo de xestionar no eido persoal, aínda que vivín o tema profesional con moita paixón.

–Como che cambiou a COVID o día a día no traballo?

A chegada da COVID obrigoume a pasar moito tempo metido no Excel ou na folla de cálculo de Google. Un labor en ocasións moi de conseguir datos, sobre todo nesa época na que había menos dispoñibilidade por parte da Administración. Tiven que aprender a traballar na casa e picar moita pedra porque no inicio da pandemia –atribúoo á tensión na que estabamos todos– era difícil falar coas fontes, incluso resultaba violento nalgún momento. Había que darlle moitas voltas aos temas para conseguir cousas e facer trinta mil chamadas...

–Sinalas eses meses nos que non dispoñiamos, nin os xornalistas nin a poboación no seu conxunto, dos datos de incidencia concretos da pandemia en Galicia. Fuches quen naquel momento de publicar informacións exclusivas dos concellos galegos, como foi?

Penso que a Administración segue bastante pechada en banda co tema da transparencia, fóronse conseguindo cousas... pero por exemplo co tema dos concellos: Por que a Xunta comezou a publicar eses datos? Por que estaba convencida de que tiña que publicalos? Non, hai unhas declaracións moi claras do presidente da Xunta nas que di de forma que non deixa lugar a dúbidas que non se deben publicar os datos por concellos. Por que os acaba publicando? Porque un medio de comunicación empeza a publicarllos. 

No tema dos datos, desde o principio da pandemia vivimos unha falta de transparencia atroz. A situación foi evolucionando e agora hai máis dispoñibilidade de información pero é claramente insuficiente. Un compara a información que facilitan outras autonomías e estamos á cola. Desde o meu punto de vista, a Administración traballa como se a información fose súa. Estamos no século XXI, a información non pertence ás Administracións, pertence á cidadanía.

Accede á entrevista completa para colexiados e colexiadas aquí