Artur Galocha: "É fundamental aprender a distinguir de quen fiarte nesa constante intoxicación informativa que sufrimos"

Foto: Lino Escurís

Como infecta o coronavirus ou como funcionan as diferentes vacinas foron algunhas das preguntas que Artur Galocha (Lugo, 1983) axudou a responder este ano como infografista de El País. Formado como xornalista na Universidad Complutense de Madrid, a súa traxectoria profesional levouno a traballar en elmundo.es, El Mundo, Público e Corriere dello Sport, entre outros. Hai uns días, The Washington Post anunciou que o incorporaba ao seu equipo de xornalismo visual.

–Estivo o xornalismo á altura do reto que supuxo informar sobre esta pandemia? 

Eu penso que si. A información que facilitaba a Administración, sobre todo ao principio, era escasa. Foi moi complicado conseguir datos e ás veces foi tamén complicado entendelos para que acabasen chegando correctamente aos cidadáns. A función dos medios foi demandar esa información e tratar de explicala do mellor xeito posible. Máis alá do número de casos e da expansión do virus, estaban as recomendacións sanitarias, as razóns detrás do confinamento, que había que facer e por que para evitar os contaxios... Penso que se fixo en xeral un bo traballo. Un caso claro foi o gráfico que fixeron Mariano Zafra e Javi Salas en El País para explicar como se expandía o virus nos espazos pechados e como variaba a súa transmisión con máscaras, con ventilación, con diferentes circunstancias... Era unha explicación sinxela de moita utilidade pública que acabou circulando por todos lados. Para min, o esforzo que fixeron os medios tratando de traducir o que dicían os científicos e as autoridades sanitarias foi fundamental este ano. 

–Tamén desmontando bulos? 

Eu diría que si. No momento no que estamos, ver quen che está contando algo é importante. Non é o mesmo ver unha información en The Washington Post, The New York Times, El País ou El Confidencial que que che chegue por WhatsApp. É fundamental aprender a distinguir de quen fiarte nesa constante intoxicación informativa que sufrimos. É unha pena que teñan que existir os fact-checks, pero é un signo dos tempos que vivimos. A min pasoume con miña nai: acabei facéndolle eu os fact-checks de cousas que lle comentaban ou lle chegaban. Parte da poboación segue mantendo a súa desconfianza ante os medios tradicionais, pero no caso do coronavirus penso que, en xeral, se tratou de ofrecer información fidedigna e contrastada e de loitar contra a desinformación.

–Cales foron os problemas máis importantes aos que houbo que facer fronte á hora de informar sobre a pandemia? 

O acceso aos datos. Eu lembro o primeiro gráfico que fixen sobre o coronavirus, cando aínda nos parecía algo que nos quedaba lonxísimo, que só ía afectar a China e non ía chegar aquí, e naquel momento non tiñamos case datos. A Administración española tardou bastante en coordinalo todo ben e en trasladarlle a información aos medios. Había diferenzas entre o que pasaba o Goberno, o que pasaban as comunidades... E segue pasando. Este foi o problema máis grave. Ao principio, todos nos fiabamos da Universidade John Hopkins, que parecían levar a conta do que sucedía mellor que a Organización Mundial da Saúde (OMS) e que o Ministerio de Sanidad. Si que é verdade que, co paso dos meses, esta cuestión foi mellorando. O outro gran problema foi o das características da propia situación: nova e cambiante. Quero dicir que este era un virus do que se foron descubrindo cousas sobre a marcha. Isto foi un problema porque a xente desconfiaba sobre o que se ía contando: agora din isto, agora din o outro, primeiro eran as gotículas, agora os aerosois... Enfrontar iso foi fastidiado. Penso que aquí tamén é importante a nosa labor explicando como funciona a ciencia, como a medida que se vai investigando se van descubrindo cousas novas. Esta cuestión é clave despois de tantos meses, cando os cidadáns comezan a estar fartos deste tema, das medidas, das distintas informacións. 

"A situación cambiante xerou desconfianza: agora din isto, agora din o outro... Aquí tamén é importante a labor dos medios explicando como funciona a ciencia" 

 

–Que importancia tivo, neste caso, o papel do deseño en xeral e da infografía en particular á hora de trasladar os datos? 

Moitísima. El País, por exemplo, levaba un tempo apostando polo xornalismo visual, pero coa pandemia saíu moito máis reforzado. Eu creo que, na maioría das redaccións, os xefes decatáronse da importancia que ten contar con xente que saiba tratar cos datos, que saiba contar historias desta maneira. En El País están Kiko Llaneras, Daniele Grasso e Borja Andrino, que fan un traballo incrible xogando cos datos e contando unha historia con eles. Non ten nada que ver como se pode explicar, por exemplo, como funciona o virus nun texto escrito e nunha infografía. E non ten nada que ver o impacto que ten na persoa que recibe esa peza. Se o fas a través de xornalismo visual, as cousas entran mellor. Máis nun momento coma este no que a xente consume información dunha forma moi rápida, a través do móbil, saltando dunha cousa a outra... Hai que tratar de facelo o máis atractivo posible, de conseguir a atención en cuestións tan importantes coma esta, para que algo quede. Eu creo que o xornalismo visual sae reforzado do traballo que se fixo este ano. De feito, The Washington Post vén de contratar a 14 persoas novas para o seu equipo de visuais, que xa é enorme. Porque saben da importancia deste xeito de contar as cousas. Aínda que pase a pandemia, este tipo de xornalismo entronca moi ben co momento que vivimos e co consumo de información actual. Tamén sae reforzada a idea de que estes equipos deben ser de xornalistas. Hai uns anos non era así. O infografista era unha especie de técnico nas redaccións, formaba parte do 'sector servizos' dos medios: toma estes datos e faime un gráfico. Hoxe é evidente que ten que ser un xornalista que axude a contar os feitos doutra maneira. É unha pena que tivera que vir unha pandemia para deixalo definitivamente claro, pero penso que si, que hoxe os medios saben que as cousas van por aí e que un equipo de xornalismo visual lle dá prestixio ao medio. 

"O xornalismo visual sae reforzado despois de todo o que se fixo este ano. Tamén sae reforzada a idea de que estes equipos deben estar formados por xornalistas" 

 

–Dende fóra da capital criticouse amplamente a atención mediática que recibiu o que pasaba en Madrid durante a pandemia. Foi esaxerada ou estaba xustificada? 

Madrid sempre recibe unha atención esaxerada. O tratamento da pandemia só veu confirmalo unha vez máis. Vivindo aquí e vivindo fóra é algo evidente. En España, hai esa especie de 'embiguismo'. Sempre se dixo iso de que se chove en Madrid, chove en toda España. Os medios xeneralistas están aquí. Miras pola fiestra e é o que ves. A maiores, Madrid, nesta segunda onda, foi das máis golpeadas. E, por riba, temos unha especie de show político moi atractivo para os medios. Xuntouse todo e todo axudou para volver caer no de sempre, aínda con certa xustificación, podería dicir alguén. 

"Madrid sempre recibe unha atención esaxerada; o tratamento da pandemia só veu a confirmalo unha vez máis"

 

–Cal diría que é o reto máis importante que enfronta hoxe o xornalismo para seguir informando sobre a pandemia?

Seguir tratando de explicar o mellor posible o que se vai sabendo. Seguir apostando pola base científica. Unha das cousas das que estou máis orgulloso do traballo que fixen foi que todo foi corrixido por epidemiólogos, virólogos, etc. Todo foi o máis contrastado posible. Iso é fundamental: contar cunhas fontes fortes que te apoien no que fas para despois tratar de trasladarlle á xente información clara e sinxela. Fundamental tamén é o que comentaba antes, saber enfrontar ese rollo cambiante propio desta situación. Eu creo tamén que temos que ter humildade. Hai que entender que a xente estea farta do coronavirus. Así é que hai que ser humilde: demostrar que estamos tratando de entender o que pasa para comunicalo o mellor posible. Moitas veces, nos medios pecamos dunha certa soberbia. 

–Deixouse de informar de temas importantes estes meses porque as coberturas se centraron na covid-19 ou non houbo nada que estivese á altura deste tema? 

Deixouse de informar de moitas cousas. Iso é así. Ocupouno todo. Tamén é verdade que é unha das noticias máis importantes da historia recente, posiblemente a máis importante. O deseñador Álvaro Valiño fixo hai pouco un traballo no que marcaba os fitos históricos dos últimos anos: nos 2000 foi o ataque ás Torres Xemelgas, na segunda década foi a crise económica e esta pandemia é a que nos toca vivir agora. Pero iso non quita que se apartou a ollada de temas importantísimos. Dígoche un: a cuestión da migración. Segue a morrer xente no Mediterráneo, seguen existindo eses campamentos sobresaturados en Europa coa xente que chega e á que non se lle dá solución. As redaccións, ao final, son as que son e todos estabamos a iso. Houbo algunha excepción, pero case sempre porque un consideraba o asunto importante e acababa adicándolle un tempo pola súa conta para que saíse. Eu creo que unha vez que haxa vacinas, a situación comezará a normalizarse. 

BELÉN LÓPEZ