Artur Galocha: "É fundamental aprender a distinguir de quen fiarte nesa constante intoxicación informativa que sufrimos"
Como infecta o coronavirus ou como funcionan as diferentes vacinas foron algunhas das preguntas que Artur Galocha (Lugo, 1983) axudou a responder este ano como infografista de El País. Formado como xornalista na Universidad Complutense de Madrid, a súa traxectoria profesional levouno a traballar en elmundo.es, El Mundo, Público e Corriere dello Sport, entre outros. Hai uns días, The Washington Post anunciou que o incorporaba ao seu equipo de xornalismo visual.
–Estivo o xornalismo á altura do reto que supuxo informar sobre esta pandemia?
Eu penso que si. A información que facilitaba a Administración, sobre todo ao principio, era escasa. Foi moi complicado conseguir datos e ás veces foi tamén complicado entendelos para que acabasen chegando correctamente aos cidadáns. A función dos medios foi demandar esa información e tratar de explicala do mellor xeito posible. Máis alá do número de casos e da expansión do virus, estaban as recomendacións sanitarias, as razóns detrás do confinamento, que había que facer e por que para evitar os contaxios... Penso que se fixo en xeral un bo traballo. Un caso claro foi o gráfico que fixeron Mariano Zafra e Javi Salas en El País para explicar como se expandía o virus nos espazos pechados e como variaba a súa transmisión con máscaras, con ventilación, con diferentes circunstancias... Era unha explicación sinxela de moita utilidade pública que acabou circulando por todos lados. Para min, o esforzo que fixeron os medios tratando de traducir o que dicían os científicos e as autoridades sanitarias foi fundamental este ano.