As radios de Internet

Só radio. Sen burocracia, sen necesidade de licenzas, sen publicidade. Fas un programa e transmítelo. Internet ofrece unha porta aberta de par en par a todo o que desexe emitir. Así traballan as radios da web.
Scanner FM naceu en maio de 2004 no barcelonés barrio de Gràcia. Detrás estaban Carlos Medina, Bruno Socolovicz e Vicente Agudo, tres mozos que buscaban facer "unha radio online coa estrutura da tradicional, con programas e presentadores centrados na música e a cultura urbana".

"Pensamos que Internet era o mellor medio para chegar ó noso público. En España había un baleiro neste terreo, polo que nos fixamos en modelos de cidades como Londres e París", conta Carlos. Dous anos e medio despois poden dicir que a súa intuición era acertada. A emisora converteuse en referente da música urbana e mesmo foi galardoada cun Premio Ondas como a radio do futuro.

O seu traballo foi posible grazas a que evitaron a ardua tarefa de conseguir unha licenza de radio convencional. En Internet non é necesaria. Todo o que o desexe pode lanzar a súa mensaxe.

"Fas o que queres e emítelo ó mundo enteiro. Sabes onde está o teu público e búscalo. Non hai tanta burocracia, só tes que centrarte en facer algo de calidade. É un modelo máis aberto", resume Carlos. No caso de Scanner FM, o 'papeleo' redúcese ó imposto que pagan á SGAE por emitir música.

Segundo os seus servidores calculan que ten uns 3.000 oíntes diarios, que poden escoller entre as tres canles de música que ofrecen ou descargarse un espazo concreto na fonoteca.

A cifra é modesta. Probablemente se medrase os problemas aumentarían. E é que a medida que soben os oíntes, fano tamén os custos. "Ó non necesitar licenza, os custos abarátanse moitísimo. Porén, o factor económico tamén pode ser un problema á hora de ter un número ilimitado de oíntes", explica Fernando Berlín, director de Radiocable, a primeira emisora de radio para Internet que xurdiu en España. É a propia emisora a que ten que asumir os custos da banda ancha, que aumentan coa audiencia. "Estás a pagar cada oínte", explica.

Radiocable comezou as súas emisións diarias en maio de 1997 da man de Fernando Berlín. Ofrecía "contidos de radio á carta". O primeiro obxectivo era emitir son, pero o concepto foi cambiando a medida que o permitía a tecnoloxía. Así incorporou textos e imaxes para acabar converténdose nunha web de información. "A evolución do sistema foi impresionante", di Berlín.

As singularidades dos contidos

En Internet a forma de ofrecer os contidos radiofónicos cambia: "Unha emisión en directo non ten sentido xa que non podes obrigar á xente a que se conecte cando ti queres. Tamén os espazos que se ofrecen deben ter características específicas: deben estar perfectos para consumir cando o usuario queira, non poden ser moi longos, deben ter unha linguaxe específica...", explica.

Hoxe todas as emisoras convencionais asumiron esta forma de difundir audio a través dos seus correspondentes páxinas web, pero, nos seus inicios, Radiocable foi criticada porque separaba os cortes de audio en vez de crear programacións de 24 horas. Actualmente ten un convenio coa BBC en español polo que distribúe o seu sinal. Ademais, emite informativos e entrevistas especiais, que se ofrecen tamén en vídeo.

Como en Scanner FM, o obxectivo non é a audiencia, que, neste caso, miden en visitas ó web: 40.000. Tampouco se persegue ós anunciantes. "Cando facemos grandes entrevistas, como a Zapatero ou a Saramago, buscamos patrocinadores, pero son campañas concretas, para ese momento", di Berlín.

Este xornalista explica que non é doado que se dean emisoras en Internet que fagan só radio -"O formato dilúese moito e, ó final, trátase de medios que ofrecen diferentes soportes"-. Aínda que advirte de que no futuro o son si será de gran utilidade a través dos móbiles. A democratización do lecer e a información segue adiante.

MADRID
EL MUNDO
Raquel Quílez