Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro: ″Coa pandemia volvemos poñer o foco nos feitos″

Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro cando comezaron a traballar xuntas para Europa Press no Parlamento de Galicia (Foto: Tamara de la Fuente)

Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro traballan como xornalistas na axencia de noticias Europa Press desde Santiago de Compostela. A súa visión da cobertura desta pandemia é transversal, pois o traballo de axencia sempre o é, mais neste caso máis porque ambas están a cubrir a crise da COVID-19 desde o eido político, tanto no que se refire ao Goberno galego como á actividade no Parlamento de Galicia e dos partidos da oposición, e tamén desde o sanitario e social.

–Agora que está a piques de facer un ano do comezo da pandemia, que diriades que mudou no voso día a día como xornalistas?

Beatriz: No traballo cambiou todo, cambiou a forma de traballar en si mesma.

Susana: Eu creo que hai dúas vertentes, unha máis positiva e outra máis negativa para o xornalismo. A primeira sería positiva desde bastantes puntos de vista, tanto no que se refire ao contido da información como na forma de traballar: de repente ponse o foco no feito. Fronte a un xornalismo máis marcado pola tendencia, pola frase, de pronto pasan a ser importantes outra vez os feitos como, por exemplo, as mortes ou o número de casos contaxiados. O xornalismo de datos. E despois, no ámbito do traballo, de repente evidénciase que nós, que tiñamos que estar presencialmente en todo, algo que notamos moito as mulleres pola conciliación, notamos unha flexibilidade real. Vese que podemos teletraballar, o cal tamén ten unha parte negativa porque te ata as 24 horas. De forma global, a pandemia evidencia a saturación nos medios de comunicación, unha sobrecarga de traballo, e tamén eivas á hora de saber ler documentación como pode ser o DOG.

Beatriz: Moita xente descubriu nesta pandemia que DOG é Diario Oficial de Galicia e non can en inglés [bromea]. Descubriuse que hai que ler o DOG, contrastar a información (incluso a que che dan nas roldas de prensa) co que vén aí, porque moitas veces non é a mesma, é incompleta ou, oh sorpresa, esconde noticias. Houbo moitas novas que saíron directamente do DOG e non dos comités clínicos e eu pregúntome por que non se informou de determinadas cousas nas roldas de prensa.

Pero, volvendo a este primeiro ano de pandemia, eu o outro día repasaba as miñas anotacións dos primeiros días de marzo do ano pasado e xa vin nelas a miña preocupación anticipando o teletraballo. Xa pensaba ′que vou facer con dous nenos na casa?′, a nena aínda non tiña 3 anos e o neno daquela tiña 7 meses. Penso que somos a profesión máis flexible, porque podemos traballar enriba dunha pedra; pero por outro lado, máis atada porque se nos esixe inmediatez. 

Accede á entrevista completa para colexiados e colexiadas aquí