Bieito Rubido, novo director de ABC

O Consello de Administración e a Xunta de Fundadores de ABC nomearán o vindeiro martes a Bieito Rubido novo director do xornal en substitución de Ángel Expósito, que se incorpora a La 10, a nova televisión nacional que estrea Vocento.
Rubido, ata agora director editorial de Medios Rexionais do grupo, será á súa vez relevado no posto que abandona por Benjamín Lana, responsable de innovación deste mesmo área durante os últimos tres anos.

Nacido en Cedeira, A Coruña, fai 52 anos, Bieito Rubido é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense e, ao longo de máis dun cuarto de século de intensa dedicación profesional, cultivou os principais xéneros do xornalismo: prensa, radio e televisión. Tamén a docencia, como profesor da Universidade da Coruña e, na actualidade, da Rei Juan Carlos de Madrid.

Tras iniciarse na prensa a finais dos setenta no Diario Informaciones de Madrid e acometer exitosos proxectos de modernización en diversas cabeceiras galegas, Rubido enganchouse ás ondas en 1983, a través dos micrófonos de Antena 3 Radio, emisora da que chegou a ser director rexional e á que empuxou ao liderado. Co nacemento das televisións privadas, en 1995 foi nomeado director de Antena 3 TV en Galicia e puxo en marcha o primeiro telexornal territorial da cadea. En 2000 pasa a ser director de La Voz de Galicia, cargo no que permaneceu ata 2006 e que compaxinou coa súa presenza habitual en faladoiros de programas como Herrera en la Onda, Ruedo Ibérico, 59 segundos ou, desde hai varias temporadas, en Protagonistas de Félix Madero, en Punto Radio.

Nomeado director editorial de Medios Rexionais de Vocento en xaneiro de 2009, Bieito Rubido afrontará agora o extraordinario reto profesional de asumir a dirección do diario decano da prensa de Madrid. O seu nomeamento será aprobado o vindeiro martes polo Consello de Administración e a Xunta de Goberno de ABC en substitución de Ángel Expósito.

Logo de dous anos e medio á fronte da centenaria cabeceira e tras lograr continuos incrementos da súa difusión pese ao complexo momento económico e de cambios estruturais no sector, Expósito incorpórase agora ao novo proxecto audiovisual que lanzará Vocento este mes de setembro: La 10, a nova televisión nacional. O que fose durante unha década director da axencia Europa Press, farase cargo desde o día 20 do programa Noche 10, onde, coa axuda de tertulianos e analistas de primeiro nivel, pasará revista de luns a xoves á complexa actualidade do momento e ofrecerá claves para interpretala.

Con dilatada experiencia tanto en medios radiofónicos e televisivos, Expósito convértese así nun dos puntais da nova cadea, que promete liderar unha nova forma de facer e ver a televisión.

A dirección Editorial de Medios Rexionais de Vocento, que deixa Bieito Rubido, será ocupada por Benjamín Lana. Desde o seu posto de director de Innovación, Lana, nacido en Zalla (Biscaia) fai 42 anos e con máis de dúas décadas de oficio, impulsou os últimos proxectos de renovación levados a cabo nas doce cabeceiras rexionais de Vocento.

ABC
MADRID