Boiro acolle o derradeiro obradoiro da segunda edición de Xornalismo na Escola

Obradoiro de Xornalismo na Escola impartido por Lucía Álvarez no IES María Casares de Oleiros

Este luns 5 de xuño ás 10:00 vai ter lugar no IES Espiñeira de Boiro o derradeiro obradoiro de “Xornalismo na Escola”, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” que ten por obxecto impartir obradoiros entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.

Neste caso, serán alumnos de cuarto da ESO os que participen, entre as 10:00 e as 11:30 horas, deste obradoiro impartido pola xornalista Lucía Álvarez. Este taller pecha a actividade desta segunda edición de Xornalismo na Escola, iniciada a principios de marzo no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía. Nestes tres meses, máis de noventa obradoiros foron celebrados en distintos puntos de toda a xeografía galega. 
 
O obxectivo é tratar de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. 
 
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG