Brais Lorenzo: "Gustaríame ter a oportunidade de fotografar no interior dunha UCI dun hospital público galego. Se a realidade non se ve, non existe"
Brais Lorenzo, fotógrafo ourensán, leva retratando a pandemia dende o seu comezo. Instantáneas súas deron a volta ao mundo coma a que publicou o New York Times no mes de abril, captada na residencia de anciáns San José de Ourense. Pertence ao colectivo Imaxe Covid, formado por seis fotoxornalistas galegos que pretenden visibilizar a realidade de Galicia nestes tempos do coronavirus. Dende o ano 2010 traballa coma colaborador coa axencia EFE e co xornal Faro de Vigo. Ten realizado fotografías para outros medios coma El País, El Mundo, La Vanguardia, ABC, Público, La Marea, Nós Diario, Revista Luzes, The Guardian e axencias coma AFP ou AP.
–Brais, levas anos nisto do fotoxornalismo. Pensabas que o viras todo?
A pandemia pillounos a todos de imprevisto e, persoalmente, canto máis traballo máis chego á conclusión de que non vin prácticamente nada. Hai unha sensación moi xeneralizada entre a xente nestes tempos de pandemia, a de estar vivindo nunha película apocalíptica. A realidade superou a ficción totalmente e supoño que todos eramos conscientes de que este momento chegaría tarde ou cedo. Persoalmente, teño aínda moito que aprender e moitas cousas pendentes por facer nesta profesión. Quero meterlle moita enerxía nos próximos anos a traballos relacionados cos dereitos humanos. O fotoxornalismo é unha paixón, un método de vida e a través del podes vivir todo tipo de experiencias vitais. Iso é o que quero continuar facendo durante toda a miña vida.