Bravo, Lombao e Merelas reflexionan no Mercado de San Agustín sobre o papel das mulleres no xornalismo e o futuro da profesión
Isabel Bravo, Cristina Lombao e Carmen Merelas, tres das xornalistas que protagonizan a entrada das mulleres nos medios reflectida en A Crónica Revelada: As precursoras do xornalismo galego, protagonizaron o pasado sábado unha nova edición de 'Xornalistas no Mercado' no Mercado de San Agustín, organizada pola demarcación da Coruña do Colexio de Xornalistas, coa colaboración de A Parva. Na conversa, as comunicadoras relataron exemplos de machismo que viviron nas redaccións e repasaron a situación dunha profesión que vive "un momento de involución terrible", pero no que aínda "hai oco para a información repousada".
O primeiro andar do Mercado de San Agustín acolleu este sábado 13 a segunda edición de 'Xornalistas no mercado', no que Isabel Bravo, Cristina Lombao e Carmen Merelas, tres das xornalistas entrevistadas no libro A Crónica Revelada: As precursoras do xornalismo galego, debateron sobre cuestión como a súa experiencia como mulleres nos medios, a situación actual da profesión ou o futuro do xornalismo, baixo a moderación de Dolores Vázquez. O acto estivo organizado pola demarcación da Coruña do Colexio de Xornalistas, coa colaboración de A Parva, a cantina do Mercado de San Agustín.
Na conversa, as tres comunicadoras referiron exemplos de paternalismo e condescendencia que viviron como mulleres xornalistas que abriron paso nas redaccións, na liña das que recollen as testemuñas do volume A Crónica Revelada, publicado polo CPXG baixo a coordinación de Eliana Martíns e galardoado nos VI Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña. Unha situación que contribuíron a mudar profesionais que, como as tres protagonistas da conversa, puxeron os alicercs para unha maior presenza das mulleres no xornalismo galego. Así, Carmen Merelas lembraba que "sempre me esforcei por que no periódico aparecesen mulleres de todos os ámbitos, que os referentes non fosen só homes, xa non por concienciación senón porque esa é realidade e queriamos representar todo o tecido cidadán".
Outro dos temas tratados no encontro foi o dos desafíos que supón para a profesión a introdución das novas tecnoloxías, un escenario que non é novo porque, como recordou Isabel Bravo, "todas as que estamos aquí xa nos adaptamos a varios cambios tecnolóxicos". Mais as comunicadoras si viron motivos para a preocupación na situación actual do xornalismo, que Lombao cualificou como "un momento de involución terrible en todos os sentidos" no que "os medios públicos dependen do poder e os medios privados tampouco son libres, dependen dos anunciantes" e no que a audiencia non busca a verdade, "senón algo que reafirme o pensamento de cada un". Con todo, a perspectiva sobre o futuro do xornalismo deixou espazo para o optimismo. Así, Merelas considerou que "hai un oco para a información repousada, que dá contexto, que está elaborada" porque "a xente demanda explicacións" e Bravo asegurou que ainda que os medios expulsen da profesión "a mozos e mozas que ven que non van a ningures" coas condicións laborais, "aínda teño esperanza, quero tela".
Isabel Bravo (Guipúscoa, 1962), retirada este mesmo ano das ondas da Cadena Ser, foi por máis dun cuarto de século a directora e condutora do programa máis lonxevo da radio galega, A Coruña opina, un referente da información da cidade. Cristina Lombao, nada en Lugo en 1964, traballa desde 1988 na Radio Galega, primeiro en Santiago e desde 1993 na delegación da Coruña, desde onde dirixiu entre 2007 e 2009 O Tren do Serán. Por último, Carmen Merelas (Barakaldo, 1960) foi a primeira directora dun xornal en Galicia, La Opinión de A Coruña, do que estivo á fronte entre 2010 e 2023. Da man destas tres referentes da información coñeceremos o panorama do xornalismo na cidade e a realidade das mulleres dentro da profesión.
As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada
As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada consiste nun volume de 230 páxinas editado polo Colexio, así como nun espazo web con materiais adicionais, no que se visibiliza e rescata o papel das mulleres dentro da historia do xornalismo galego, ao tempo que se busca inspirar as novas xeracións con referentes mulleres.
Para iso, combina unha introdución sobre o papel das mulleres desde o nacemento do xornalismo galego con entrevistas a informadoras da historia máis recente: Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey e Ana Romaní. As autoras das entrevistas son Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso, e a publicación conta con fotografías de Lucía Junquera.
Xornalistas no mercado
'Xornalistas no mercado', un programa de conversas informais entre profesionais da comunicación organizado pola demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración de A Parva, a cantina do Mercado de San Agustín. A asistencia é libre e gratuíta para xornalistas e persoas interesadas na profesión.
CPXG