Catro anos de legado vivo de Nacho Mirás

Catro anos despois da prematura morte de Nacho Mirás, a súa loita pola renovación e a supervivencia da profesión continúa viva en iniciativas como a Bolsa 'Nacho Mirás' para novos titulados ou a Guía de linguaxe inclusiva. dirixidas ás novas xeracións de xornalistas.

Este martes 15 de outubro facíase o cuarto cabodano de Nacho Mirás, xornalista, profesor da facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que nos deixou prematuramente en 2015, vítima dun cancro cuxas consecuencias estivo a contar até o final no seu blog, rabudo.com, exercendo a profesión até o último momento. 

Nado en Vigo en 1971, Nacho Mirás Fole licenciouse en Ciencias da Comunicación na Universitat Autònoma de Barcelona, e desde que entrou a realizar prácticas en La Voz de Galicia estivo vinculado a este xornal, ademais de traballar na emisora do grupo, Radio Voz. Durante as dúas primeiras lexislaturas do Colexio, entre 2000 e 2008  foi membro do Pleno Territorial do CPXG, e desde o 2012 exerceu de profesor asociado na USC. No ano 2006, foi Premio Galicia de Comunicación.

Catro anos depois da súa morte, a busca da renovación do xornalismo e o apoio ás novas xeracións que sempre demostrou en vida continúan na iniciativa da Bolsa 'Nacho Mirás' para novos titulados, que nas súas edicións permitiu o desenvolvemento de cinco proxectos xornalísticos innovadores levados a cabo polos informadores máis mozos, así como en proxectos do alumnado da materia "Redacción Informativa" da USC, como a realización da Guía de linguaxe inclusiva. Ademais, a Universidade de Santiago de Compostela bautizou precisamente a aula onde impartía esta materia co nome de Nacho Mirás

CPXG