Cegasal desvelará o gañador do seu primeiro premio xornalístico o 14 de abril

Coregal, un dos centros especiais de emprego de Cegasal (Foto: Cegasal)

Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) dará a coñecer o fallo do xurado do Premio á Mellor Información Xornalística sobre Economía Social o próximo 14 de abril, un galardón que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O obxectivo do premio, dotado con 1.000 euros, é o de dar visibilidade ás persoas con discapacidade e mostrar as dificultades que atopan á hora de optar ao mercado laboral, así como dar a coñecer o traballo que realizan neste sentido os centros especiais de emprego.

Neste sentido, hai que ter en conta, tal e como explicou José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal, na presentación do premio, que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non teñen traballo. Vázquez Freire subliñou que isto se debe "ao reparo que aínda xera nas empresas a contratación destas persoas polo daniño descoñecemento social das súas capacidades". 

Por iso, o presidente de Cegasal pediu a colaboración dos medios para dar a coñecer á sociedade, "non tanto o traballo que se realiza desde os nosos centros especiais de emprego, que tamén, senón o esforzo das persoas con algunha discapacidade para evitar paternalismos e gozar dunha vida plena, na que a formación e o traballo son dous alicerces fundamentais".

Para o presidente da Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro, a discapacidade, "ou as capacidades diferentes, como realmente sentimos que deben ser denominadas", non deberan ser un impedimento para o pleno desenvolvemento dunha persoa tamén no ámbito laboral.

As bases do Premio Cegasal á mellor información sobre economía social pódense consultar nas webs do Colexio Profesional de Xornalistas (xornalistas.org) e da Asociación (www.cegasal.com). O prazo de recepción dos traballos péchase o próximo 30 de marzo e o ganador será anunciado o próximo 14 de abril. 

O xurado deste premio está composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Os traballos deberán enviarse, vía mail, á seguinte dirección de correo: cegasalcomunicación@gmail.com, ou por correo ordinario ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (San Pedro de Mezonzo, 36, 1º, 15701 Santiago de Compostela). A información presentada deberá ir acompañada dun breve currículum do autor.

A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Desta forma, a asociación funciona como xeradora de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade. Cegasal conta na actualidade con 17 centros especiais de emprego repartidos por toda a xeografía galega.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG