Continúa aberto até o 30 de marzo o prazo para presentarse ao Premio Xornalístico Cegasal

José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal, e Francisco Sarria, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, na presentación do premio

Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) mantén aberto até o 30 de marzo o prazo para presentarse ao Premio á mellor información xornalística sobre economía social, que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O obxectivo deste galardón, dotado con 1.000 euros, é o de dar visibilidade ás persoas con discapacidade e mostrar as dificultades que atopan á hora de optaren ao mercado laboral, así como dar a coñecer o traballo que realizan neste sentido os centros especiais de emprego.

José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal, sinalou na presentación do premio que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo "e, o que é máis grave, a maioría non o busca porque considera que non o vai a poder atopar ante o reparo que xera nas empresas a súa contratación polo daniño descoñecemento social das súas capacidades". Vázquez pediu a colaboración dos medios para dar a coñecer á sociedade, "non tanto o traballo que se realiza desde Cegasal, que tamén, senón principalmente o esforzo das persoas con algunha discapacidade para evitar paternalismos e gozar dunha vida plena, na que a formación e o traballo son dous alicerces fundamentais".

Para o presidente de Cegasal, a discapacidade, "ou as capacidades diferentes, como realmente sentimos que deben ser denominadas", non deberían ser un impedimento para o pleno desenvolvemento dunha persoa tamén no ámbito laboral.

Pola súa banda, Francisco Sarria, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, sinalou que "queremos prestar especial atención e promoción dende o Colexio para que labores xornalísticos que non acostuman ser valorados, como os traballos que poñan en valor o labor desenvolvido nos centros especiais de emprego en particular ou que atingan á economía social, teñan especial relevancia e, coa convocatoria deste premio, unha merecida distinción". Sarria felicitou a Cegasal pola iniciativa, "que acollemos co convencimento de que o exercicio xornalístico e o labor social deben estreitar un necesario vencello", dixo.

As bases do Premio Cegasal á mellor información sobre economía social pódense consultar desde hoxe nas webs do Colexio Profesional de Xornalistas (xornalistas.gal) e da Asociación (www.cegasal.com). O prazo de recepción dos traballos péchase o próximo 30 de marzo e o ganador será anunciado na primeira quincena de abril. 

O xurado estará composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Os traballos deberán enviarse, vía mail, á seguinte dirección de correo: cegasalcomunicación@gmail.com, ou por correo ordinario ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (San Pedro de Mezonzo, 36, 1º, 15701 Santiago de Compostela). A información presentada deberá ir acompañada dun breve currículum do autor.

A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego 

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Deste xeito, a asociación funciona como xeradora de oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade. Cegasal conta na actualidade con 17 centros especiais de emprego repartidos por toda a xeografía galega.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG