Celebrada a XVII Asemblea Xeral do Colexio de Xornalistas

Este sábado 3 de febreiro tivo lugar en Santiago a XVII Asemblea Xeral do Colexio de Xornalistas, na que se fixo un repaso da actividade realizada en defensa da profesion e foron aprobados os orzamentos para o 2018.

Na Asemblea quedou aprobada, por unanimidade das colexiadas e colexiados presentes, a proposta de traballo e os orzamentos propostos pola Xunta de Goberno para o presente ano 2018, así como a actualización das cotas e a modificación dos Estatutos para adaptarse á lexislación vixente e incluír o cambio de domicilio do Colexio de Xornalistas.

Presentáronse tamén os resultados da enquisa sobre cursos de formación enviada ao conxunto dos colexiados e colexiadas para mellorar a oferta formativa. Recibíronse un total de 171 respostas que mostraron que o principal obxectivo das e dos xornalistas á hora de escoller formación é ampliar os seus coñecementos ou reciclarse no traballo, mostrando maior interese polos cursos sobre xornalismo multimedia, redes sociais, deseño e infografía, linguas estranxeiras, imaxe ou posta en marcha de empresas informativas. As persoas enquisadas pensan que os cursos deberan estar abertos aos non colexiados, pero dando preferencia aos colexiados, e que deben ser gratuítos, aínda que con excepcións de cara a ofrecer unha formación máis completa. Así mesmo, prefírense os cursos a realizar os sábados dentro da propia demarcación, ben sexa repartidos de maneira intensiva ou ao longo de varias xornadas con horario reducido.

Por último. fíxose un repaso da actividade realizada polo Colexio en defensa do xornalismo ao longo do 2017, destacando algúns aspectos como a realización da enquisa sobre riscos psicosociais no xornalismo galego. Debateuse tamén sobre o incremento da presencia dos posicionamentos e comunicados públicos do Colexio de Xornalistas, salientando a a importancia de seguir a ser a referencia ética, deontolóxica e de defensa da profesión en Galicia.

CPXG