Celebrado o 30º Congreso da FIP

A semana pasada tivo lugar en Tunes o 30º Congreso da Federación Internacional de Xornalistas (FIP), no que se elixiu o Comité Executivo da organización para os vindeiros tres anos, incluíndo o novo Consello de Xénero que terá á española María Ángeles Samperio á cabeza. A asemblea aprobou tamén a nova Carta Ética Mundial para Xornalistas, que recolle as normas básicas a seguir no exercicio da profesión.

Entre o martes e o venres da semana pasada celebrouse en Tunes o 30º Congreso da Federación Internacional de Xornalistas (FIP). Máis de 300 profesionais da comunicación de todo o mundo asistiron ao congreso, que estivo marcado por temas como o debate sobre o futuro do xornalismo, as boas prácticas sindicais ou a necesidade de instalar nas redaccións a igualdade real de mulleres e homes.

O Congreso da FIP tiña como un dos obxectivos renovar o equipo dirixente da FIP, que estará no cargo os vindeiros tres anos. Younes M'Jahed, secretario xeral do Sindicato Nacional da Prensa Marroquí, foi escollido como novo presidente da organización. A xornalista peruana Zuliana Lainez incorpórase á xunta directiva como vicepresidenta ejecutiva, mentres que o resto de presidencias serán cubertas pola india Sabina Inderjit e o ruso Timur Shafir. O británico Jim Boumelha continuará como tesoureiro honorario. Este ano a FIP incorpora por primeira vez, dentro da loita pola igualdade, o Consello de Xénero como órgano directivo de la organización. A xornalista María Ángeles Samperio, ex presidenta da Asociación de la Prensa de Cantabria e redactora de El Diario Montañés, foi a elixida para presidir este órganoPaco Audije, reelixido como conselleiro do Comité Executivo, completa a representación española na directiva da FIP. 

Ademais, a asemblea do Congreso da FIP decidiu aprobar por unanimidade a nova Carta Ética Mundial para Xornalistas, que estabelece as regras básicas nas que se debe basear o exercicio do xornalismo, actualizando o documento anterior que tiña xa máis de 50 anos de antigüidade. A nova Carta Ética internacional especifica as normas de conduta dos xornalistas na investigación, edición, transmisión, difusión e comentario de novas e información, e na descrición dos acontecementos por calquera medio. O documento lembra o deber de gardar o segredo profesional sobre a fonte de información, así como que o xornalista non debe utilizar a liberdade de prensa en beneficio de intereses de terceiros, nin tampouco asumir con ningún interlocutor compromisos que poñan en perigo a súa independencia. Pero tamén recolle dereitos, como que o xornalista non poderá ser obrigado a realizar un acto profesional nin a expresar unha opinión contraria á súa convicción ou conciencia profesional.

Por último, entre as mocións aprobadas polo Congreso da FIP encóntrase unha relacionada coa confiscación dos móbiles e material de traballo de xornalistas en Palma de Mallorca por orde do xuíz Miguel Florit. A moción, aprobada por unanimidade, insta ao futuro goberno español a que ampare e protexa o segredo profesional dos xornalistas como un servizo á cidadanía e ao dereito da información.

CPXG