Centos de cidadáns participan na terceira marcha cotra as violencias machistas organizada polo alumnado da EIS de Lugo
O Presidente da TIC, a Alcaldesa de Lugo e membros dunha decena de asociacións e colectivos lucenses sumáronse á andaina que rematou cos participantes berrando “Non é non!”.
Centos de persoas participaron na terceira andaina En Camiño contra as Violencias, organizada polo alumnado de 1º de Produción da Escola de Imaxe e Son da TIC da Deputación de Lugo, dentro da campaña Lugo En Negro. O Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sumáronse á iniciativa xunto a membros dunha decena de asociacións e colectivos lucenses. Durante a marcha, camiñantes de todas as idades encheron con paraugas negros o treito que vai da Escola de Imaxe e Son á praza de San Marcos.
Darío Campos dixo que “esta marcha simboliza a necesidade de que camiñemos todos xuntos para erradicar definitivamente este gravísimo problema. Institucións, asociacións e cidadanía en xeral temos que unirnos para lograr entre todos que nin unha soa muller máis sexa vítima dos crimes machistas”.
Non é non!
A marcha, que rematou na Praza de San Marcos con todos os participantes berrando “Non é non!”, arrancou na EIS coa proxectou dun vídeo elaborado polos estudantes con titulares de noticias de prensa sobre os crimes machistas. Os participantes, que seguiron unha frechas negras colocadas polos alumnos ao longo do traxecto, fixeron varias paradas durante o percorrido.
A primeira foi na Porta de Santiago, ao carón da placa dedicada a García Lorca, onde unha actriz representou a unha muller mantendo unha conversación telefónica co seu maltratador. No Templete de Praza Maior léronse letras de cancións con contidos machistas e recitouse. Diante da Casa Consistorial un tótem informaba sobre a participación da TIC nas dúas primeiras edicións. Outra das paradas foi na Praza de Santo Domingo, na Árbore de Vida, coa lectura do manifesto, e rematou en San Marcos cunha actuación de danza contemporánea.
Práctica do alumnado de Produción
Os alumnos e alumnas de 1º de Produción foron os encargados de organizar “En Camiño contra as Violencias”. Campos Conde subliñou que “esta é a súa primeira práctica nun escenario real desde que comezaron a estudar na nosa Escola, hai apenas dous meses. Para nós é moi importante a implicación do noso alumnado nesta campaña, porque a loita contra as violencias machistas debe comezar coa concienciación dos máis novos. A educación e o respecto son fundamentais para acadar o obxectivo do que falaba antes: que non haxa ningunha soa vítima máis”.
FUNDACIÓN TIC