Centos de persoas participan na andaina contra os crimes machistas organizada polo alumnado da Fundación TIC

Participantes nesta edición da andaina 'En camiño contra a violencia' (Foto: Fundación TIC)

Centos de persoas participaron este venres na andaina En Camiño contra a Violencia, organizada polo alumnado da Fundación TIC, dentro da campaña Lugo En Negro. Representantes das institucións e dunha ducia de colectivos lucenses sumáronse á iniciativa, na que camiñantes de todas as idades encheron de bandeirolas negras o treito que vai da Escola de Imaxe e Son á praza de San Marcos.

A marcha rematou diante da Deputación, onde se procedeu á lectura dun manifesto institucional de repulsa polos crimes machistas. A continuación, unha parella de actores, realizou unha performance  inspirada na loita das vítimas de violencia exercida polos homes.

Unidade contra a Violencia

Trátase da segunda marcha cidadá que os estudantes da EIS convocan con éxito de asistencia, na véspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o día 25 de novembro en todo o mundo.

Aos alumnos e traballadores da TIC uníronse usuarios do InLugo e veciños de todo o municipio, institucións, asociacións sen ánimo de lucro e clubs deportivos. En concreto, participaron membros do C.B. Breogán, do C.D. Lugo, Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE),  Asociación de Viúvas de Lugo, SOMOS Unidos por el Cáncer, Federación de Asociacións de Veciños, Bonhomía, Aspnais e Asociación de Amas de Casa.

Dó polas mulleres asasinadas

En Camiño contra a Violencia xurdiu o curso pasado a proposta dos alumnos e alumnas de primeiro curso do Ciclo Superior de Produción da EIS. Os estudantes que este ano tomaron o testemuño decidiron cambiar o sentido da marcha, e convocaron aos participantes diante da escola para saír cara á Deputación. Na EIS repartiron as bandeirolas negras que levaron en sinal de dó polas vítimas.

O alumnado, co apoio dos seus profesores, ocupáronse de todo o proceso de organización e desenvolvemento da marcha. Á sensibilización social contra a lacra machista, a iniciativa engade o valor de contribuír a súa formación como práctica nun suposto real. Os estudantes tamén elaboraron un vídeo de denuncia da violencia machista para animar aos lucenses a participar na andaina “En Camiño contra Violencia”. Na pasada edición, os estudantes sinalizaron a ruta con pegadas negras, que un centenar de camiñantes seguiron vestidos con camisetas negras.

FUNDACIÓN TIC