Congresso dos Jornalistas Portugueses analiza a situación da profesión en Portugal

Congresso dos Jornalistas Portugueses (Foto: Bruno Lisita (Media Lab - U.Coimbra), Inês Duarte (Media Lab - U.Coimbra))

O 4º Congresso dos Jornalistas Portugueses, inaugurado este xoves, vai tratar até o domingo os principais retos da profesión no país viciño, nun contexto marcado especialmente pola precariedade. 

Este xoves inaugurábase no Cinema São Jorge de Lisboa o 4º Congreso dos Xornalistas Portugueses, organizado pola Casa da Imprensa, o Clube de Jornalistas e o Sindicato dos Jornalistas, e que vai desenvolverse até o vindeiro domingo 15 de xaneiro. A abertura, na que participou o Presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, el mesmo ex xornalista, estivo marcada pola palabra 'precariedade'. "De cada dez xornalistas en activo, seis gañam menos de mil euros, cinco teñen vínculo precario, catro son autónomos, catro teñen medo de perder o emprego e só un ten máis de 55 anos", afirmou Maria Flor Pedroso, presidenta do congreso.

Na xornada inaugural interviron tamén Sofia Branco, presidenta do Sindicato de Jornalistas, que reivindicou que "non hai xornalismo sen xornalistas"; Goulart Machado, presidenta da Casa da Imprensa, quen afirmou que os xornalistas “´á mais grave crise das suas vidas profesionais”, e Mário Zambujal, presidente do Clube de Jornalistas. Pechou a xornada Michael Rezendes, xornalista do The Boston Globe, cunha defensa do xornalismo de investigación. 

A celebración do congreso está a servir para realizar unha completa análise da situación da comunicación no país viciño, abranguendo temas como a formación, a situación laboral, a prensa rexional ou o futuro dos xornalistas. O congreso,con mais de 700 inscritos, celébrase 19 anos despois do anterior, cunha situación completamente distinta debido ás distintas crises do xornalismo. Nesta ocasión, ademais, é a primeira vez na que se realiza cunha organización conxunta, dado que as anteriores citas foron promovidas unicamente polo Sindicato dos Jornalistas.

CPXG