Corenta entidades presentan unha ILP para os medios públicos galegos

A iniciativa lexislativa popular Liberemos a Galega!, impulsada pola plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo, foi rexistrada este mércores no Parlamento galego. A proposta normativa responde ao anteproxecto de lei para a CRTVG aprobado polo Consello da Xunta e propón medidas como a elección por concurso público e maioría reforzada da dirección xeral e o consello de administración ou a posta en marcha do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos. 

Corenta entidades sociais, culturais, políticas e sindicais, agrupadas na plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo, rexistraron este mércores no Parlamento de Galicia a iniciativa lexislativa popular (ILP) Liberemos a Galega!, que busca garantir por lei que os medios públicos galegos garantan a obxectividade e neutralidade dos contidos e o  pluralismo ideolóxico, político, cultural e social, promovan a lingua e a cultura galega e promovan de maneira activa a igualdade entre homes e mulleres. O articulado proposto para a ILP foi entregado onte nun acto no que exerceu de voceira da plataforma a xornalista Tareixa Navaza, quen asegurou que o persoal da Corporación protesta "para que se respecte o seu código deontolóxico e poder facer información veraz e servir ao pobo de Galicia, que é o propietario dos medios públicos de Galicia”.

A presentación desta ILP encádrase na polémica pola aprobación do Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital por parte do Consello da Xunta de Galicia, unha proposta normativa que eliminaría varios dos avances da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia e que foi duramente criticada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, así como polo Comité Intercentros da CRTVG as asociacións profesionais do audiovisual de Galicia ou a Mesa pola Normalización Lingüística, ademais de ser sinalada como un risco para a liberdade de prensa no proxecto europeo Mapping Media Freedom. Esta mesma semana, o persoal da CRTVG ratificou en asembleas a súa oposición ao anteproxecto.

Unha das propostas de Liberemos a Galega! é a elección da persoa responsábel da dirección xeral da CRTVG a través dun concurso público e que requira o apoio dunha maioría reforzada de tres quintas partes do parlamento, fronte ao anteproxecto da Xunta que o permitiría nomear con maioría simple. De igual xeito, propón tamén a elección a través dun concurso público e de maioría reforzada das persoas designadas polo parlamento para o consello de administración. Reclama tamén a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, eliminados no anteproxecto presentado, e prohibe a subcontratación da produción e edición dos programas informativos. Segundo as entidades impulsoras, a ILP  pon ademais “especial atención” á programación infantil e xuvenil, propoñendo a creación de canles temáticas, e á preservación do patrimonio documental.

As impulsoras da ILP son A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGT- Galicia e Vía Galega. A Mesa do Parlamento ten agora un mes para examinar a ILP e decidir se a admite a trámite. Se o fixer, precisará un mínimo de 10.000 sinaturas para chegar a ser discutida no pleno do Parlamento galego.

CPXG