Cristina de la Vega: "En sanidade, o peso da información que imos trasladar e as consecuencias que vai ter para toda a xente teñen que estar por riba de calquera outra cousa"

Cristina de la Vega Jiménez leva toda a súa carreira profesional vinculada á comunicación sanitaria, un ámbito que adquiriu unha dimensión inédita coa pandemia da COVID-19. Con máis de 30 anos de experiencia, exerce como xefa de Comunicación e de Relacións Institucionais da Área Sanitaria da Coruña – Cee e é tamén delegada da Asociación Nacional de Informadores de Saúde (ANIS) en Galicia.

–Hai un ano víamos as imaxes de Wuhan, do confinamento por unha nova enfermidade e parecíanos imposible que pasase aquí. Dous meses e medio despois, chegaba a nós a pandemia. Como se vive desde un hospital, desde a zona cero da emerxencia sanitaria? 

Como sociedade, pensabamos que non ía con nós, tamén houbera varias falsas alarmas, alertas doutras gripes ou de virus que ao final quedaran en case nada. Eu levo trinta anos no hospital; é certo que vivín cousas moi dramáticas, pero isto non é unha crise do hospital, non é unha catástrofe como un accidente ou un naufraxio. É unha crise global. Para min foi e é unha angustia vital. Non quero parecer dramática, porque o realmente complicado é para os meus compañeiros que están na primeira liña.

–Como organizastes a xestión da comunicación?

O primeiro que fixemos foi crear un gabinete de crise, con xente de todo o hospital e no que eu tamén estaba. Reuniámonos todos os días ás once da mañá: sábados, domingos, xoves santo, venres santo... Todos os días. Era demoledor: eu non son sanitaria e para min, aquilo era tremendo. Os meus compañeiros e eu vivímolo con moita incerteza, como algo que nos sobrepasaba. Queríamos ser a fonte, evitar a incerteza engadida para a xente. Por exemplo, cando dicían “non hai camas de críticos”, ir un paso por diante e informar de que se crearan dúas UCIs novas, que tiñamos un hospital de campaña preparado. Queríamos minguar a angustia da xente, que xa bastante tiña con ter que deixar o seu pai ou a súa nai en urxencias, ignorar se o ía ver de novo, se morrería só.

"Queríamos ser a fonte, evitar a incerteza engadida para a xente"

 

–Comunicar con empatía?

Empezouse a traballar moi pronto nisto porque pronto fomos conscientes de que esta era a pandemia da soidade, e isto creábame moita angustia. Obviamente, é unha pandemia sanitaria, social e económica, pero tamén no informativo. A propia Organización Mundial da Saúde fala de infodemia. Creo que os xornalistas, non só os sanitarios senón en xeral, son dos menos valorados nesta crise. Todo o mundo se acorda dos profesionais sanitarios, por supostísimo, das caixeiras e caixeros, dos transportistas... Pero é que os xornalistas estivemos aí todo o tempo. Todos. 

–O xornalismo é unha profesión esencial. 

Totalmente. Nós inauguramos esta crise cunha fake, o audio dunha muller que dicía ser enfermeira do hospital. Foi horrible o tema das fake news, todos os días. ANIS, a Asociación Nacional de Informadores da Saúde, sacou o hashtag #NoCoronabulos. Chegou o momento en que nos preguntabamos se estabamos para informar ou para desmentir. 

"Pronto fomos conscientes de que esta era a pandemia da soidade"

 

–A OMS puxo o foco na información como unha prioridade á hora de abordar a pandemia: como influíron as fake news na vosa comunicación?

Creo que as fake news, combinadas coas redes sociais, son un cóctel molotov. Non esquezamos que sempre teñen un fin, xa sexa desestabilizar, contribuír a intereses, etc. Outra cousa é que agora todo o mundo se cre xornalista, fotógrafo, opinador; é incontrolable e faise moitísimo dano. A OMS falando de infodemia, a ONU con Verified, as asociacións de informadores da saúde, cos seus hashtags, a Unesco sobre a ciencia contra a desinformación na pandemia… Ata a revista Nature saiu advirtindo aos científicos de que loitan contra os bulos en lugares equivocados. 

–Cal foi a estratexia para contrarrestar os bulos?

Puxémonos a disposición de todos os compañeiros as vinte e catro horas do día. Dabamos a información da situación ás 12 da mañá, igual que os datos de falecidos cada tarde segundo os valida o Ministerio. E en vez de loitar contra esas fake, que nos parecía alimentar o monstro, o que fixemos foi gravar cápsulas de profesionais: das urxencias, de preventiva, de microbioloxía; coas súas mensaxes: que bicho era este e que había que facer. Despois ampliámolo a todo o persoal: limpadoras, persoal de seguridade, camareiros, médicos, enfermeiras, auxiliares... 

–Contrarrestar con información, non?

O primeiro que fixemos foi un comunicado institucional asinado polo xerente explicando paso por paso cal era o noso plan, o que fixeramos, o que non e o que pensabamos facer, dentro do que a realidade nos poñía diante. Non os usamos habitualmente, pero neste caso si, tiña que haber unha autoridade sanitaria detrás, con nome e apelidos, que equilibrase a mensaxe entre a gravidade da situación pero sen producir máis pánico. 

"Moita xente que saía nos medios ou falaba nas cápsulas son científicos, sen experiencia nos medios, e tiñamos que preparalos para comunicar para medios xeralistas"

 

–Como foi o traballo a nivel de voceiros? Como soportaron os profesionais sanitarios a presión mediática engadida á presión asistencial?  

Investimos tempo en asesorar os voceiros. Moita xente que saía nos medios ou falaba nas cápsulas son científicos, sen experiencia nos medios, e tiñamos que preparalos para comunicar para medios xeralistas, porque se non, non chegas á xente. 

Ao principio, pensouse en poñer un voceiro, pero vímolo claro: un voceiro rebenta, tería que dedicarse a isto en exclusiva, sábados, domingos... Ao final, collemos voceiros de todas as áreas, un ou dous portavoces e con iso xogabamos. Para que non se queimasen e tamén porque son distintas visións a que dá, por exemplo, un internista que está ao pé da cama, que a que dá un microbiólogo sobre as PCRs, que a de medicina preventiva que está xestionando a saúde pública... Algún bufido si que caeu, porque chamas a alguén despois de 12 horas traballando, esgotado, cando chega á casa e lle pides se poden atender a alguén, e en sábado e a tal hora exactamente. Ti mesma estás na túa casa, intentando despistarte un pouco, distraerte, e chégache o aviso de Sanidade cos falecidos e é demoledor. Había xente que che dicía que non podía, pero en xeral, portáronse moi ben. Tomárono como un servizo público, unha parte máis do seu traballo. Eu estou moi agradecida, creo que todos fomos moi responsables, por un lado e polo outro.  

–Canto se incrementou o traballo no gabinete de comunicación?

Non tivemos tempo para analizar a demanda, pero non foi só iso. Non tiña moita lóxica que non deixásemos entrar ás familias e si andasen os medios polo hospital, ademais de que desde o punto de vista sanitario tampouco era bo para eles. Entón nós gravabamos, mandabamos os vídeos, as fotos; o que normalmente fan os compañeiros. Tivemos que reestruturar todo o traballo, concentrando nas dúas primeiras horas as gravacións, os vídeos, o que era programable, porque o resto do día era “sálvese quen poida”. As campañas nas redes foron moi importantes, tanto divulgativas como preventivas, e de agradecemento. Eu sosteño que a comunicación sanitaria está sempre en crise, por unha cousa ou por outra. Pero nesta pandemia, houbo un gabinete de crise, voceiros, e tamén fases, porque pouco ten que ver a primeira fase con esta. Na primeira fase había máis solidariedade, máis empatía. Eramos todos contra unha. E agora parece que é todos contra todos. Imaxino que todo isto entra dentro do normal, que o estudaremos dentro dun tempo porque agora pasounos o tsunami por riba. Eu aprendín que dous ombreiros unidos son máis ca un lombo, e non me gustaría que o esqueceramos. Isto é un esforzo colectivo, tamén desde o punto de vista informativo.  

"As campañas nas redes foron moi importantes, tanto divulgativas como preventivas, e de agradecemento"

 

–Como foi manter o equilibrio entre as demandas informativas e as necesidades sanitarias?

A maioría dos xornalistas, ao 99,9%, foron con nós comprensivos, cariñosos, moi compañeiros e estamos moi agradecidos por iso. En xeral, non podo dicir máis que cousas boas. A responsabilidade dos xornalistas foi fundamental, ogallá iso veña para quedar. A verdade é que estou moi orgullosa de formar parte deste colectivo. 

Durante trinta anos mantivemos a mesma política de respecto á intimidade dos pacientes e da práctica profesional. Non tivemos ningún problema e apenas peticións, todo o mundo o ten moi interiorizado. Hai debates sobre se non se viron suficientes imaxes dramáticas. É un tema ao que lle dou mil voltas, porque traballo en sanidade pero son xornalista e enténdoo perfectamente. 

–Que leccións cres que aprendemos da comunicación desta pandemia? 

Ogallá esta responsabilidade da que fixo gala a maioría da profesión veña para quedar e esquezamos dunha vez o de publicar aínda que non sexa exacto porque non vaia ser que outro medio o publique antes, porque se non, o meu xefe... O peso da información que imos trasladar e as consecuencias que vai ter para toda a xente ten que estar por riba de calquera outra cousa, sobre todo en sanidade. Nós falamos dun produto que é o ser humano, a saúde, a vida e a morte. Non creo que haxa outra comunicación como a sanitaria. Despois, non sucumbir ás fake, como xornalistas e en xeral. E ogallá que se manteña a solidariedade. Sempre estiven moi orgullosa da miña área sanitaria e da sanidade pública, creo niso por riba de todo. Sei que eu non curo, non salvo vidas, pero estou orgullosa de ser un peón da sanidade pública. 

ELIANA MARTINS