Cristina Olea: “Preguntámonos se a nosa profesión seguirá existindo, pero a mellor maneira de sobrevivir é demostrando o valor que temos”

Cristina Olea leva cubrindo información internacional para TVE dende pouco despois da súa chegada ao ente público, no ano 2006. Vímola na elección do Papa Francisco (2013), nas revoltas do Cairo posteriores ao golpe de Estado (2013) ou nas eleccións presidenciais francesas (2017).  Desde hai dous anos, esta viguesa, licenciada en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, é correspondente en Washington. Dende alí, cobre a segunda metade do mandato de Donald Trump, unha etapa moi convulsa no país, con dous procesos de “impeachment” contra o presidente. Cobre tamén a pandemia, as protestas contra o racismo e nestes últimos días vese envolta nunha voráxine informativa por mor dos acontecementos que tiveron lugar nos EUA: unhas eleccións que remataron con denuncias sen probas de fraude e cun asalto ao Capitolio dúas semanas antes da toma de posesión de Joe Biden. 

–Antes de nada, moitas grazas, Cristina, por nos concederes esta entrevista en días de tanto traballo para ti. Anque o tema é a información nos tempos da pandemia, os últimos acontecementos de EEUU obrígannos a lle dar a volta ao guión. Antonte foi a toma de posesión de Joe Biden. Que cambios son os máis esperados nesta nova etapa?

Un xiro total. Pensade que aquí a maioría dos cidadáns foron votar pensando en Trump. Foi unha elección entre os que adoran a Trump e os que non o soportan, entre os que pensan que é o mellor presidente que tivo este pais, case un mesías, e os que o desprezan e cren que é un perigo para a democracia. Trump deixa a moi pouca xente indiferente. Os votantes de Biden esperan un cambio radical. Trump pasou catro anos desmontando as políticas de Obama: o achegamento a Cuba, o acordo con Irán, etc. A nivel interno tentou tumbar a reforma sanitaria. Agora Biden empezará por desfacer moito do que fixo Trump. En política exterior, por exemplo, Biden quere volver ás organizacións internacionais que Trump abandonou, empezando pola OMS e polo pacto de París contra o cambio climático. Quere despregar outra vez a diplomacia estadounidense, achegarse de novo aos aliados europeos. Unha aposta polo multilateralismo despois da era do "America First", "Estados Unidos primeiro".

Con respecto á pandemia, tamén veremos un cambio radical. Non hai máis que ver a campaña electoral que fixeron os dous: Trump facendo mitins multitudinarios sen máscaras nin medidas de distancia social, e Biden con actos virtuais, sempre con máscara. Mesmo tirou do clásico 'drive through' estadounidense: facía actos que a xente seguía dende o coche. E se falamos doutro dos retos urxentes neste país, a división social, moitos esperan un cambio de rumbo tamén con isto. Biden presentouse coma o candidato que quería unir os estadounidenses, rebaixar a tensión, tender pontes.  

Accede á entrevista completa para colexiados e colexiadas aquí