Cuac FM fai 25 anos de radio comunitaria

Cuac FM, a emisora comunitaria da Coruña, celebrou estes días os seus 25 anos de emisións, mentres mantén corenta programas en antena que implican a unhas cen persoas. Neste cuarto de século, a radio tivo que superar atrancos como a apertura dun expediente que obrigou a cesar as emisións, pero tamén recibiu recoñecementos como o de ser seleccionada polo Centro Europeo de Xornalismo polo seu labor informativo durante a crise da Covid-19. 

O 27 de marzo de 1996, a radio Cuac FM iniciaba as súas emisións no 103.4 do dial desde a Facultade de Económicas do campus coruñés da Zapateira, vinculada daquela ao Club de Prensa da Universidade da Coruña. Esta pasada fin de semana, a emisora celebraba con concertos os seus 25 anos en antena, nos que se emitiron máis de 475 programas diferentes. Na actualidade, unhas cen persoas colaboran coa radio comunitaria para pór en marcha corenta programas, que demostran a vixencia da emisora.

O camiño ata aquí, contodo, non foi doado. Cuac FM tivo que enfrontarse a atrancos como o seu desaloxo en 2002 da Facultade de Económicas (a consecuencia do cal pasou de ser unha emisora universitaria a comunitaria) ou a apertura dun expediente en 2017 da Secretaria Xeral de Medios por emitir "sen a correspondente licenza", que levou ao cesamento das emisións por un breve tempo. En 2018 anulouse a resolución que lles prohibía emitir e Cuac FM volveu ás ondas, mais malia a que o  fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia salientaba a necesidade de conceder licenzas aos medios comunitarios, unha medida que o Colexio de Xornalistas reclamou en numerosas ocasións, esta segue sen levarse a cabo. 

Durante o confinamento sanitario, Cuac FM suspendeu as emisións desde os estudios para cumprir coas restricións, pero a innovación tecnolóxica permitiulles emitir en directo o programa Radio Pat(i)o, que acompañou á cidadanía da Coruña todas as tardes de luns a venres. Esta iniciativa valeulle á emisora ser seleccionada polo Centro Europeo de Xornalismo como un dos oito proxectos españois merecedores do fondo de acción comunitaria polo labor informativo durante a crise da COVID-19.

Nos micrófonos de Cuac FM iniciáronse moitos comunicadores da radio, a prensa e a televisión coruñesa. Entre outros, Fernando Suárez, Hugh McGinley, Antón Lezcano, Txury Ferrer, Tomás Legido, Mariano Fernández, Víctor Grande, Estíbaliz Espinosa, Fernando Molezún, Teba Chacón, Javier Lojo, Isaac González, Álvaro Valiño ou Francisco Dotras pasaron neste 25 anos polos estudios da emisora comunitaria. 

CPXG