Cuatro reduce os seus informativos á mínima expresión

A decisión de Mediaset, anunciada esta semana, de reducir os servizos informativos de Cuatro a un único programa de 15 minutos abre unha situación sen precedentes na televisión española, onde os telexornais sempre tiveron unha presenza importante nas canles xeralistas.

Mediaset anunciaba esta semana unha medida que revoluciona o panorama da televisión xeneralista na nosa contorna: a redución á mínima expresión dos servizos informativos de Cuatro. A partir deste mércores, a edición do mediodía de Noticias Cuatro dura apenas 15 minutos e a vespertina, 25. E a partir do 15 de febreiro, ambas as dúas desaparecerán da grella televisiva para dar paso a un único programa informativo, ao mediodía, de só 15 minutos de duración. O espazo das tardes estará ocupado por un magacín televisivo conducido pola que até agora era a imaxe dos informativos da canle, Carme Chaparro. 

A decisión baséase nas cifras de audiencia do último ano, que sitúan os servizos informativos de Cuatro como os menos vistos das canles xeneralistas, cunha media de 676.000 espectadores entre todas as súas edicións. Pero a medida ten unha grande importancia dado que os informativos foron unha característica case constante das canles xeneralistas en España (só La 2 e Telecinco non tiveron servizos de noticias nos seus inicios). E faise aínda máis significativa tendo en conta que boa parte do persoal que realizou os telexornais durante estes anos en Cuatro proviña da desaparecida canle de noticias 24 horas CNN+, pechada a finais do 2010.

Numerosos compañeiros de profesión lamentaron a decisión do grupo audiovisual e solidarizáronse cos xornalistas de Cuatro. Nos servizos informativos de Cuatro traballaban até agora medio cento de profesionais cuxo futuro está no aire, aínda que algúns medios aseguran que a vontade da canle é reubicar todo o persoal en novos programas da grella.

CPXG