Diario Expansión e TVE-Galicia, premios Cegasal de Xornalismo 2019

O diario económico Expansión e TVE-Galicia foron os galardonados na terceira edición do Premio Cegasal de Xornalismo á Mellor Información de Economía Social, cada medio nunha das dúas categorías: prensa escrita/dixitais e televisión/radio. Os traballos presentados por Abeta Chas (Expansión) e Xavier Martiñá (Informativos TVE-Galicia) obtiveron o galardón convocado pola Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro en colaboración co Colexio de Xornalistas de Galicia.

Á hora de elixir os dous premiados, o xurado tivo en conta o acerto co que ambos xornalistas abordaron o tema das súas reportaxes: as persoas con discapacidade e o seu acceso ao mercado laboral. Grazas ás súas informacións, Chas e Martiñá contribuíron a dar a coñecer o importante traballo que desenvolven os centros especiais de emprego de iniciativa social (sen ánimo de lucro) para paliar as dificultades que atopan estas persoas á hora de atopar un traballo e acabar coas reticencias que en ocasións provocan nos seus empregadores, "por descoñecemento".

No caso de Abeta Chas, a súa información "Los centros de iniciativa social triplican su empleo", publicada o 12 de febreiro no Diario Expansión, aborda, sen paternalismo, nin victimismo, o éxito dalgunhas destas empresas como Coregal, Hornos Lamastelle, Trameve ou Artegalia, que desde os seus inicios non pararon de xerar empregos e ofrecer un servizo competitivo e eficiente.

Pola súa banda, Xavier Martiñá, con Roxelio Riveiros como reportero gráfico, realizou unha reportaxe en Hornos Lamastelle, emitida no informativo de TVE-Galicia o día 5 de marzo, no que contou o día a día desta empresa dedicada á elaboración de empanadas e tartas de Santiago. Este centro especial de emprego, situado en Oleiros, ten un cadro de persoal no que máis do 95% dos traballadores teñen discapacidade. Hornos Lamastelle conseguiu que os seus produtos se vendan nos lineares das principais superficies comerciais e exportar a varios países.

Os premios entregaranse no transcurso dunha gala na que tamén se distinguirán a aquelas empresas e institucións que máis colaboraron no último anos cos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.

CEGASAL