Dulce García: “Falla o acceso aos datos e tamén a lugares, en certa medida pola incapacidade ou o desinterese dos medios”

Dulce García traballa na Televisión de Galicia desde 1986. Desenvolveu diferentes tarefas na redacción e, ao longo dos últimos 20 anos traballou no equipo dun dos informativos máis veteranos da grella da Galega, o Galicia Noticias, un espazo para as noticias de proximidade, onde continúa na actualidade. Desde o inicio da pandemia boa parte do cometido desta xornalista está sendo informar sobre os datos diarios da enfermidade en Galicia e nas distintas áreas sanitarias.

É complicado afondar na información de proximidade no que aos datos da pandemia se refire?

É unha tarefa moi complicada e, como se está vendo, imposible en moitos casos.

Os datos xerais son accesibles. O gabinete do Sergas envíaos aos xornalistas poucos minutos antes de colgalos na súa web, onde os pode consultar calquera. O problema xorde cando se trata de obter os datos de concellos, o que resulta imposible coas fontes da Xunta. Ata os propios alcaldes se queixan de falta de información. Algún dato, como o de defuncións, trasládase a través de Whatsapp a teléfonos escollidos, e non se facilita esa información nas notas de prensa. Ata mediados de outubro a Xunta tampouco facilitou o número de positivos novos diarios. Ata agora había que facer un cálculo contando as altas, os casos activos e as defuncións. E aínda así as cifras non cadran. No meu caso, ao traballar para un informativo do mediodía, moitos días a información oficial chegou tarde... datos que estaban pechados desde a tarde anterior non se comunicaban antes das 14 horas.

Por outra parte, hai unha gran disparidade no acceso a información entre as distintas áreas sanitarias, nalgunha facilitan uns datos que noutras non están dispoñibles e ao revés.

“Hai unha gran disparidade no acceso á información entre as distintas áreas sanitarias: nalgunhas facilitan uns datos que noutras non dan, e ao revés”

 

Que outros problemas atopas na elaboración da información sobre a pandemia?

Segue sendo un misterio o número de rastrexadores que traballan para o Sergas. Falla o acceso aos datos e tamén a lugares. Pero sobre este último punto, a miña impresión é que se debe máis ao desinterese ou á incapacidade para xestionar ese acceso por parte dos medios. Un exemplo: as cámaras da TVG foron a fin de semana pasada, por primeira vez desde o mes de marzo, a gravar exteriores do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Ata agora, todas as imaxes que se emitiron dalí eran de arquivo, previas ao estado de alarma.

Nese sentido, e tendo en conta que se traballa cunha información gráfica moi sensible, cres que se logra un equilibrio entre o dereito á intimidade ou á propia imaxe (falamos de pacientes, traballadores, contorna hospitalaria) e o dereito a ofrecer e recibir información?

Evidentemente, por motivos de saúde, é lóxico que non entremos nas UCI a gravar cos nosos equipos, pero hai maneiras de facilitar material gráfico desde os propios hospitais, e non se está facendo. Aquí vese de novo a disparidade entre servizos de prensa dos distintos hospitais. O mellor material gráfico hospitalario que temos nós, por exemplo, para ilustrar as pezas informativas, procede da área sanitaria de Ourense, onde nos facilitaron vídeos que sen invasión da intimidade das persoas ofrecen unha porción da realidade que se vive dentro dos hospitais. Ese material non ten nada que ver co que se puido conseguir noutras áreas sanitarias.

"Boto en falta que non se recorra máis ás voces de quen realmente está en primeira liña, o persoal sanitario, e se abuse de declaracións de cargos políticos"

 

Con todo, creo que son necesarias quizais imaxes máis fortes, axudarían a que a xente se mentalizase da gravidade da situación.

Como mellorarías o tratamento informativo no teu medio?

Polo que respecta á CRTVG, boto en falta que non se recorra máis ás voces de quen está realmente está en primeira liña, o persoal sanitario, e se abuse, pola contra, das declaracións oficiais e roldas de prensa de cargos políticos onde é moi difícil preguntar e misión case imposible repreguntar. En pleno estado de alarma houbo voces dos traballadores e das traballadoras da sanidade e dos servizos sociais que foron silenciadas. Feitos que son, obxectivamente, noticia, como as concentracións do persoal ás portas dos hospitais, simplemente non se cubriron.
Por outra banda, a nivel xeral, a inmensa maioría dos medios limitáronse a ofrecer unha reprodución case literal das notas de prensa da Consellería de Sanidade. E iso ten moito que ver tamén, na miña opinión, con que as redaccións están en cadro, e coa precariedade laboral que hai.

"A inmensa maioría dos medios limítanse a reproducir as notas de prensa do Sergas, e iso ten moito que ver coa precariedade laboral nas redaccións"

 

Respecto da propia seguridade dos xornalistas, cres que está garantida mentres desenvolves o teu traballo?

Non se fai algo tan básico e barato como ventilar o espazo de redacción. Repártennos unha máscara FFP2 para toda a semana. No que se refire á modalidade de teletraballo, hai arbitrariedade na designación de quen traballa a distancia ou presencialmente. Na miña empresa, ata onde eu sei, o equipo de traballo corre por conta do empregado que teletraballa, desde a conexión a internet ata o ordenador ou o teléfono.

MÓNICA ROSAS