Edítase a 'Guía de estilo sobre saúde mental para medios de comunicación'
A Confederación Salud Mental España, da que forma parte a a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia), vén de editar a Guía de estilo sobre saúde mental para medios de comunicación: as palabras si importan, que ofrece aos e ás xornalistas "datos e claves sobre o uso máis adecuado da linguaxe á hora de informar acerca de temas ou aspectos relacionados coa saúde mental".
A guía, dispoñíbel en galego, inclúe datos e información sobre estes problemas de saúde, recomendacións dirixidas a xornalistas, exemplos de boas prácticas, testemuños en primeira persona, dúbidas frecuentes, a linguaxe recomendada para as redes sociais, información sobre o movemento asociativo, etc. O obxectivo é contribuír a un trato mediático social, digno e responsábel dos problemas de saúde mental. O documento ademais estará suxeito a unha actualización constante de cara a resolver futuros retos ou dúbidas para o xornalismo.
A Guía de estilo sobre saúde mental para medios de comunicación: as palabras si importan pode consultarse en formato pdf na páxina web da Confederación Salud Mental España ou tamén, na súa versión en castelán, en formato web como presentación continuada. FEAFES Galicia é unha entidade sin ánimo de lucro que agrupa a 14 asociacións sobre saúde mental, repartidas por toda a xeografía galega.
No seu traballo por conseguir unha cobertura axeitada e responsábel de temas especialmente sensíbeis nos medios, o Colexio de Xornalistas ten abordado o tratamento da saúde mental no documento Informa_Dor: Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano, realizado xunto ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que inclúe unha Guía práctica para o tratamento informativo da saúde mental. Ademais, a Guía de linguaxe inclusiva redactada polo alumnado da USC en colaboración co Colexio recolle tamén recomendacións sobre saúde mental no seu apartado "Capacidades diversas".
CPXG