En xornalismo, non falar non é outorgar

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere mostrar o seu malestar polos ataques recibidos ao longo das últimas horas por dous profesionais da comunicación, simplemente por exerceren o seu dereito a opinar.

A xornalista aragonesa Cristina Fallarás foi interpelada pola conta oficial do Sindicato Unificado de Policía (SUP) de Navarra a raíz da súa intervención nun programa de televisión no que, como o resto dos participantes, criticou o vandalismo fascista cometido nun monumento a asasinados na Guerra Civil. O sindicato policial acusouna (literalmente) de manter silencio no caso de pintadas de apoio a ETA en Navarra. A dirección estatal do sindicato foi interpelada ao respecto deste tema, mais non se pronunciou.

Pola súa banda, Jordi Évole, ganador do Premio José Couso de Liberdade de Prensa 2015 instituído por este Colexio, foi tamén acusado publicamente, mediante carteis de “Se busca” pegados na rúa e difundidos nas redes sociais, de “equidistancia” por non se pronunciar (negativamente, suponse) contra a liña informativa de El Periódico de Catalunya sobre os atentados do 17A. Neste caso, algúns dos difusores do ataque (como a asociación Súmate) se retractaron posteriormente, mais resulta evidente que a difusión nas redes é case imparábel unha vez iniciada.

Non é bo sinal que os xornalistas sexamos noticia, e máis en circunstancias difíciles para a sociedade. Obviamente, todo comunicador está exposto ás críticas, máxime cando expresa a súa opinión desde medios de difusión masiva. Pero, por suposto, cando un xornalista non trata un problema (estea ou non fóra do seu ámbito informativo), iso non supón calquera tipo de conivencia. Sería como suxerir que a non resolución dun delito implica algún tipo de complicidade cos autores.

Acusacións deste tipo non teñen cabida nunha sociedade con liberdade de opinión, e son especialmente graves cando proceden de funcionarios das forzas de seguridade. Todas as opinións, as dos comunicadores as primeiras, son criticables, pero cómpre saber que, no xornalismo, non falar non significa, nin moito menos, outorgar.  

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia