Érika Reija: "O principal reto é aportar máis información útil e relevante para a vida dos cidadáns e menos voz a opinadores"

Foto: Iván Makarov

Do barrio lugués de Recatelo a enviada especial e correspondente de TVE polo mundo adiante. O último destino de Érika Reija é Moscova, onde chegou para informar hai catro anos, procedente da correspondencia de Marrocos. Exipto, Libia, Tunisia, Israel ou Ucraína son outros lugares nos que traballou a xornalista, politóloga e experta en mundo árabe. Conversamos con ela sobre a pandemia, sobre a muller, sobre os conflitos armados ou sobre calquer tema que se nos poña por diante.

–Estamos case en vésperas do Día Internacional da Muller. Ti coñeces de preto lugares onde os dereitos se respectan pouco ou nada. Evolucionamos algo? 

Sen dúbida. Aínda nos países máis opresivos para as mulleres existen a día de hoxe máis movementos femininos ca nunca opoñendo resistencia e loitando polos seus dereitos. En 2019, por exemplo, estiven en Irán contando como, ante as presións, o réxime dos aiatolás permitiu por primeira vez que as mulleres puideran ir aos estadios de fútbol. Incluso en Arabia Saudita conseguiron finalmente poder conducir. Poden parecernos cousas moi básicas, pero nestes lugares son pasos moi significativos que animan ás mulleres a seguir reivindicando. Coido que se a día de hoxe vemos máis noticias de crimes machistas, violacións e outros abusos contra as mulleres non é porque vaiamos a peor, senón porque agora fálase diso e antes non tanto. Existe moita máis concienciación. 

–Do mundo que ti percorreches, onde vive peor a muller? Cal é a primeira lembranza que che vén á cabeza e que pegada deixa en ti?

Impresionoume a primeira vez que vin a unha muller con burka en Afganistán. Non é o mesmo velo por televisión que cando a tes diante, no seu contexto, e te dás conta de que pertencedes a dous universos diferentes. Lembro que me fixei nos seus pés, a única parte do seu corpo sen tapar. E de que os tiña especialmente bonitos, coidados, cunhas chamativas sandalias de cores. Pensei que, incluso nesa pequena físgoa de liberdade, en forma de pel ao descuberto, asomaban as súas ganas de amosar algo dela ao mundo. Pensei tamén que as que si temos voz non podemos esquecernos delas. 

Accede á entrevista completa para colexiados e colexiadas aquí