Este martes 1 asociacións e xornalistas debaten sobre 'storytelling' no networking do CPXG e a Fundación Barrié

Networking celebrado o 14 de novembro de 2018

Este martes 1 de outubro celébrase na Fundación Barrié na Coruña (Cantón Grande, 9) a terceira edición do networking dirixido a entidades do Terceiro Sector e profesionais da comunicación organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Fundación Barrié. A xornada, que se celebra baixo o título Storytelling no Terceiro Sector terá lugar en horario de 10:00 a 14:30.

Nunha ocasión única para promover o diálogo entre o terceiro sector e os profesionais da comunicación, estabelecendo contactos que beneficien a ambos os dous sectores, unha vintena de xornalistas e unha vintena de membros das asociacións, debaterán, en grupos de traballo mixtos, sobre a función social dos medios como transmisores do terceiro sector e contextualizarán as dificultades das entidades á hora de transmitir as súas historias. A inclusión de historias de vida, relatos cotiáns ou outro tipo de narrativas son os temas arredor dos que xira esta nova edición. 

O programa da xornada comezará coa intervención de Berta García Orosa, profesora de Xornalismo e de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela. García Orosa, especializada en comunicación organizacional, comunicación política e xornalismo dixital, presentará algúns conceptos sobre comunicación e terceiro sector a modo de introdución da xornada de traballo. O networking incluirá ademais unha intervención das entidades sociais participantes na emisión en directo do programa Hoy por Hoy da Cadena Ser que terá lugar no Auditorio de la Fundación Barrié ás 12.30 h. O programa será emitido en toda a provincia de A Coruña así como vía streaming na web da Cadena Ser cun alcance ilimitado.

Esta é a terceira ocasión na que o Colexio de Xornalistas e a Fundación Barrié poñen en contacto a asociacións e profesionais da comunicación para fomentar o diálogo entre estes colectivos. Este encontro naceu no 2017 baixo o título Coñecerse para comprenderse e o ano pasado estivo centrado na relación entre os  medios dixitais e o terceiro sector. Nesta terceira edición, serán o storytelling e a inclusión de historias de vida os temas a debater entre organizacións e xornalistas. 

CPXG