Este venres 7, dous novos obradoiros de comunicación en Cambre na V edición de Xornalismo na Escola “la Caixa”

O IES David Buján de Cambre acolle este venres 7 dous novos obradoiros de comunicación na semana que inaugura a quinta edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.

Tras o arranque este luns da nova edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”, que volverá levar un total de 90 obradoiros a centros de ensino secundario de toda Galicia, o IES David Buján de Cambre acolle dous novos obradoiros o venres 7, comezando o primeiro deles ás 11:20 da maña e o segundo ás 12:30. Os talleres estarán impartidos polo xornalista Manuel González Sánchez-Guisande, que traballou 25 anos en La Voz de Galicia e ten publicado once libros e realizado exposicións en diferentes países. 

Ademais del, os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros son Ángel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Xavier López Quiroga, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei, todos eles con ampla traxectoria profesional, que en moitos casos inclúe tamén formación a nivel didáctico. Castro Silva, ademais de ser licenciado en Xornalismo, ten o dobre mestrado en Profesorado e Comunicación Transmedia e traballou nas redaccións da Radio Galega, Luzes, a Axencia Efe ou Gabinete de Comunicación da Deputación da Coruña. Na Axencia Efe tamén traballou Filgueira Rodríguez, cun currículo que abrangue ademais distintos labores en La Voz de Galicia, Onda Cero ou El Mundo. Mestre ademais de xornalista, López Quiroga foi delegado de El Progreso na Ribeira Sacra e finalista nos Premios de Comunicación de Galicia. Rodiño Pérez ten o mestrado en Formación do Profesorado ademais da licenciatura de Xornalismo, e traballou no Faro de Vigo e no El País. Por último, Tubío Rei. graduada en Xornalismo, estuda o mestrado en Xestión Cultural e traballou na Televisión de Galicia e no El Progreso.

O alumnado do IES David Buján terá a oportunidade de participar esta semana nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG