Este xoves 3 de maio entrégase en Ferrol o XIV Premio José Couso a Julia Otero
Mañá, xoves 3 de maio vai ter lugar en Ferrol a entrega da XIV edición do Premio José Couso, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. A gañadora deste ano é a xornalista monfortina Julia Otero.
Os actos comezarán ás 17:00 horas no Concello de Ferrol ccunha rolda de prensa para os medios na que intervirá Julia Otero, acompañada da presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia Francisco X. González Sarria; e o alcalde do Concello de Ferrol, Jorge Suárez Fernández.
Xa pola tarde, terá lugar ás 17:30 horas a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’, do escultor Manuel Patinha, no Cantón de Molíns onde a xornalista Marta Corral será a encargada de ler un texto. Ás 19:00 horas dará comezo no Teatro Jofre o acto de entrega, que será presentado por Almudena Marco, onde a premiada, Julia Oterro, recollerá o galardón e terá unhas palabras para o público presente. Ademais, Xosé María García Palmeiro dara lectura a un texto realizado en nome da organización do certame. Ao remate, como cada ano, vai celebrarse a partir das 19:30 o Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo do coro vocal Concerto Tempo.
Os interesados, xa se poden recoller as entradas para o acto do Jofre na billeteria do teatro, en horario de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 horas, cun máximo de dúas localidades por persoa.
A premiada
Julia María Otero Pérez (Monforte de Lemos, 1959) chegou á radio de maneira casual e á idade de 17 anos, na emisora Radio Sabadell. Pasou por Radio Juventud e por Radio Miramar, ambas de Barcelona. A súa carreira en televisión iníciase paralelamente no 1987, aparecendo en varios programas nos seguintes anos, todos eles ligados a Televisión Española. En 1991 volve á radio, á Onda Cero con La Radio de Julia, ata que, en 1999, a ONCE vende a emisora ao Grupo Telefónica que decide retirar o seu programa a pesar de ser líder de audiencia, o que causou bastante polémica dado que se atribuía a cuestións políticas.
Máis tarde volvería á televisión, a TV3 e a TVE. De xaneiro de 2006 a xullo de 2007 dirixiu e presentou Protagonistas no seu último tramo. Pero en setembro de 2007 volveu a Onda Cero e dende entón presenta e dirixe o programa Julia en la onda, combinándoo con algunhas aparicións en TVE e Antena 3. Ten recibido numerosos galardóns tanto polo seu traballo en radio como en televisión, entre eles catro Premios Ondas, dous Micrófonos de Ouro, un Antena de Ouro, dous TP de Ouro ou o Premio Ciutat de Badalona de Comunicación, que a sitúan como unha das xornalistas de maior recoñecemento na actualidade.
Julia Otero sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016) e Xosé Hermida (2017) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
CPXG
Relacionada: Carta do CPXG ao Embaixador de Turquía sobre a situación de Zehra Doğan.