Este xoves 4 de maio entrégase en Ferrol o XIII Premio José Couso a Xosé Hermida
Mañá, xoves 4 de maio van ter lugar en Ferrol os actos de entrega da XIII edición do Premio José Couso, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. O gañador deste ano é o xornalista galego Xosé Hermida.
Os actos van dar comezo ás 12:30 horas da mañá coa recepción no Concello co alcalde e os representantes dos grupos municipais e a sinatura no libro de honra da cidade. A continuación celebrarase unha rolda de prensa, ao redor das 13:00 horas, coa intervención do premiado, Xosé Hermida; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia Francisco X. González Sarria; e o alcalde do Concello de Ferrol, Jorge Suárez Fernández.
Ás 19:00 horas vai realizarse a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ no Cantón de Molíns onde a xornalista e colexiada Valeria Pereiras lerá un texto en nome da organización. Ás 20:00, o acto de entrega no Teatro Jofre onde o premiado, Xosé Hermida, recollerá o galardón e terá unhas palabras para os presentes. Ao remate, como cada ano, vai celebrarse a partir das 20:30 o Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo da Banda Municipal de Ferrol, dirixida por Narciso Pillo.
Os interesads, xa se poden recoller as entradas para o acto do Jofre na billeteria do teatro, en horario de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas, cun máximo de dúas localidades por persoa.
O premiado
Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago, Xosé Andrés Vázquez Hermida (Boiro,1963) comezou a execer o xornalismo en 1983, como correspondente de El Correo Gallego no Barbanza. Posteriormente incorporouse á redacción en Santiago, onde fixo reportaxes e información política. En 1986 gañou un dos Premios Galicia de Xornalismo no apartado de política. Estivo dous anos na Radio Galega, onde dirixiu o informativo da noite. A partir de 1989, comezou a traballar como correspondente de El País en Galicia, onde estivo ao frente da redacción galega do xornal entre 2008 e 2015. Despois incorporouse á redacción central en Madrid, onde exerceu de reporteiro na revista El País Semanal. Dende o pasado febreiro é correspondente de El País en Brasil e responsable da edición dixital en portugués do xornal nese país.
Xosé Hermida sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015) e Miguel Ángel Aguilar (2016) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
Web do Premio José Couso de Liberdade de Prensa
CPXG