Éxito da proxección de La sombra de la ley rodada en Lugo e Monforte de Lemos co apoio da TIC da Deputación

Proxección en Lugo de 'La sombra de la ley' (Foto: Fundación TIC)

O Presidente da TIC destacou a participación na película de titulados e alumnos da EIS, “unha oportunidade única para traballar con algúns dos mellores profesionais de España”.

Lugo acolleu unha proxección especial da longametraxe La sombra de la ley, o novo thriller do monfortino Dani de la Torre, rodado en boa parte na cidade amurallada e en Monforte de Lemos, e que contou co apoio da Deputación e da TIC. O Presidente da institución provincial, Darío Campos Conde, amosou a súa satisfacción por colaborar con filmes que dan unha proxección nacional e internacional a Lugo”. Ademais afirmou que “para nós é un orgullo que tres lucenses do nivel de Dani de la Torre, Luis Tosar e Jorge Coira estean neste proxecto, e que sexa unha produtora galega, Vaca Films, capitaneada por unha muller, Emma Lustres, a que o faga posible”. 

Antes de asistir ao pase nos cines do centro comercial Abella, o Presidente da Deputación participou no acto de presentación da película no Círculo das Artes, unha das localizacións da rodaxe, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o director Dani de la Torre, a responsable de Vaca Films, Emma Lustres, e parte do equipo artístico.  

Aposta da Deputación polas rodaxes na provincia 

Campos Conde dixo que “cremos firmemente nos beneficios que a industria do cine ten para a nosa provincia desde o punto de vista económico, social e turístico. Por iso, malia non ter competencias no eido audiovisual nin partidas específicas destinadas a este fin, responsabilidade que corresponde á Xunta de Galicia e ao Goberno Central, desde a Deputación facemos un importante esforzo económico para apoiar algunhas destas producións ao longo do ano, como é o caso de La sombra de la ley, e conseguir que os profesionais do sector vexan atractiva a nosa provincia para rodar as súas producións”. 

Oportunidade para titulados e alumnos da TIC 

Ademais, segundo subliñou o máximo responsable da TIC, estas rodaxes en Lugo supoñen “unha oportunidade única para os alumnos e titulados da nosa Escola de Imaxe e Son, xa que varios profesionais formados na EIS formaron parte do equipo dunha gran produción, como é o caso de La sombra de la ley, en diversos postos relacionados coas áreas de dirección e produción, e tres alumnos fixeron prácticas con algúns dos mellores profesionais que temos no só en Galicia, senón en España”. 

FUNDACIÓN TIC