Éxito de participación en O Nadal da TIC con diversas actividades lúdicas relacionadas coas novas tecnoloxías

Obradoiro de O Nadal na TIC

Numerosos lucenses de máis de 55 anos participaron en O Nadal da Tic, celebrado no InLugo, entidade xestionada pola TIC da Deputación de Lugo. Incluíu actividades relacionadas coa música, a fotografía e a alimentación saudable, ás que se sumaron o Presidente provincial, Darío Campos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Darío Campos dixo que “é unha satisfacción para nós comprobar como os maiores que se achegan á TIC aprenden a sacarlle o mellor partido ás novas tecnoloxías e como se implican en todo o que facemos. Neste caso, á parte didáctica engádeselle a máis lúdica e divertida, que contribúe a favorecer as relacións sociais a través das novas tecnoloxías”.

TIC Saudable, Sonoro e Audiovisual

O Presidente da Deputación e a Alcaldesa formaron parte do coro que cantou “Noite de paz” ao son do teclado das tabletas que tocaron varios usuarios. Esta panxoliña formou parte do taller TIC Sonoro, no que os maiores tiveron acceso a diversas apps con forma de piano ou cordas de guitarra, coas que puideron crear música e sons.

Nesta xornada tamén tivo cabida a alimentación nun obradoiro pensado especialmente para estas datas de excesos gastronómicos. Ademais de recibir información sobre as dietas máis saudables, os participantes tiveron a oportunidade de elaborar eles mesmos varias receitas sinxelas.

O Nadal da TIC incluíu ademais outras actividades relacionadas coa imaxe, tanto desde o punto de vista da fotografía como do audiovisual. Os maiores coñeceron o funcionamento do croma e elixiron entre numerosas paisaxes con ambientación de Nadal. Entregóuselles un calendario de 2018 coa súa foto, que levaron as súas casas como recordo.

FUNDACIÓN TIC