Fernanda Tabarés e Alfonso Cid, galardoados co XXXIV Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo
Alfonso Cid González vén de gañar o XXXIV Premio Xosé Aurelio Carracedo ao mellor traballo xornalístico, mentres que a xornalista Fernanda Tabarés foi recoñecida co premio á traxectoria profesional. Así mesmo, foi concedido un accésit na categoría de mellor traballo ao equipo de Antena 3 Noticias Galicia O xurado do premio, convocado pola Deputación de Ourense, contou coa participación de Abelardo Vázquez en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O xurado do o XXXIV Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo acordou conceder o galardón á traxectoria profesional á xornalista ourensá Fernanda Tabarés Domínguez, "como figura indispensable do xornalismo galego contemporáneo", destacando o seu traballo rigoroso, comprometido e sempre apegado aos principios deontolóxicos da profesión, "contribuíndo decisivamente á excelencia e á dignificación da comunicación en Galicia". Tabarés leva vinculada máis de 25 anos ao grupo Voz, onde foi delegada no Carballiño e xefa de sección de sociedade e cultura de La Voz de Galicia, presentadora de Vía V, directora de V Televisión e actualmente é directora de Voz Audiovisual.
Do mesmo xeito, esta edición de 2025 premiou como mellor traballo xornalístico o programa realizado polo ourensán Alfonso Cid González, emitido en Radio Liverdade e no que narra a historia de Obdulia Díaz Picouto e a súa filla, Lola Nóvoa Díaz, que ao longo de 38 anos axudaron a través dunha rede de solidariedade a máis de 200 crianzas no casco vello de Ourense, a maioría fillos de prostitutas. A resolución destaca que o espazo radiofónico transmite con rigor e emoción a magnitude do labor destas figuras, que foron quen de ofrecer a oportunidade de recuperar a dignidade aos menores.
O xurado acordou tamén conceder un accésit ao equipo de Antena 3 Noticias Galicia, integrado pola xornalista Úrsula Lorenzo e o cámara Andrés Vilela, como autores dunha reportaxe sobre o día a día das enfermeiras no rural galego.
O xurado, presidido polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, estivo formado por Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; Camila Riquelme-Brevis, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España e Abelardo Vázquez, en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia; actuando como secretario o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero.
O premio será entregado no transcurso dun acto que organizará proximamente a Deputación de Ourense antes do remate do ano e que será oportunamente comunicado.
CPXG