Ferramentas para loitar contra a desinformación

O Col·legi de Periodistes de Catalunya pon a disposición unha serie de recursos relacionados coa verificación e o fact checking, que veñen sumarse a outras ferramentas como os vídeos da xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión organizada polo Colexio de Xornalistas.

O Centre de Documentació Montserrat Roig do Col·legi de Periodistes de Catalunya vén de incorporar á súa Guía de Recursos e Boas Prácticas unha serie de guías, ferramentas e enlaces relacionados coa verificación e o fact checking, de cara a facilitar aos xornalistas o seu traballo contra a desinformación. A recompilación de recursos, que conta coa supervisión da xornalista e investigadora Nereida Carrillo, está organizada en catro bloques temáticos: verificadores, plataformas, guías e infografías, e audiovisuais.

Entre os recursos disponíbeis podemos atopar manuais sobre fake news e verificación como os editados pola Unesco, a Federación Internacional de Xornalistas e o European Journalism Centre, profesionais do fact checking como Maldita.es, Verificat ou El Sabueso, ferramentas para rastrexar imaxes, vídeos ou sitios web e até un total de 26 recursos distintos. 

A esta compilación poden sumarse outros recursos dispoñíbeis na web do Colexio de Xornalistas, como os vídeos da xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión organizada polo CPXG ou algunhas das utilidades incluídas na sección Ferramentas da nosa web. 

CPXG