Ferramentas para o tratamento da violencia de xénero

Desde o seu nacemento, e especialmente a partir do ano 2004 coa publicación da Declaración de Compostela, o Colexio de Xornalistas mantivo un total rexeitamento á violencia machista e traballou, a través de numerosas iniciativas, para mellorar o tratamento informativo en temas de xénero e contribuír deste modo á erradicación da violencia contra as mulleres, un dos máis graves problemas da nosa sociedade. Neste especial, destacamos algunhas das ferramentas para xornalistas á hora de tratar a violencia de xénero. 

Tras a celebración da I Xornada sobre Medios de Comunicación e Violencia contra as Mulleres, o 16 de outubro de 2004, 77 persoas participantes asinaron este documento, adquirindo un compromiso social e profesional na loita contra a violencia machista. A Declaración de Compostela propón unha serie de medidas para aplicar na praxe diaria no campo do xornalismo que contribúen a evitar os usos perversos da linguaxe e dos modelos transmitidos, axudando a favorecer a eliminación de estereotipos.

Guía do documento Informa_Dor, realizado en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que recolle os principios básicos que os profesionais dos medios de comunicación debemos ter en conta no tratamento da información sobre a violenciade xénero, así como unha serie de fontes, códigos de autorregulación, ferramentas para o uso de linguaxe non sexista e outras informacións de interese á hora de abordar este problema social de primeira orde.

A xornada "O papel dos medios na información de xénero", organizada en novembro de 2007, tiña como obxectivo facilitar ás e aos profesionais un marco de correcta actuación na elaboración dos contidos relacionados coa violencia de xénero e no tratamento de datos sobre agresións a mulleres. Con este fin, publicáronse unha serie de conclusións nas que se inclúen recomendacións e ferramentas para combater a violencia machista desde o xornalismo.

O Foro Internacional sobre Comunicación e Xénero organizado en novembro de 2006 polo Observatorio dos Medios do Colexio de Xornalistas, rematou coa publicación dunha serie de recomendacións, consensuadas entre xornalistas, persoas do ámbito académico e colectivos de mulleres, que buscan un tratamento da información máis comprometido coa igualdade de xénero. Entre outras propostas, esíxese un compromiso activo dos medios de comunicación na loita contra a violencia sexista.

Outras guías para o tratamento nos medios da Violencia contra a Muller.