Galicia, comunidade máis afectada pola reconversión de RTVE

Os traballadores de Radio Televisión Española en Lugo concentráronse onte ó mediodía fronte ás instalacións da emisora da capital lucense, na rúa Ourense, para denunciar a situación en que se encontran tras a posta en marcha da nova Corporación de RTVE.
Os traballadores expresaron onte, por medio dun comunicado, o seu total rexeitamento á última decisión da empresa que "ilegalmente decidiu excluír da nova Corporación a 164 compañeiros de toda España", afirman.

Concretan que Galicia, porcentualmente, é a comunidade máis afectada pola reconversión laboral, que vai deixar na rúa a 17 traballadores dos cadros de RNE e TVE, dous deles pertencentes á delegación de Lugo, "mentres en Madrid, por pór un exemplo, a medida afecta a un só traballador", subliñan.

Os empregados de RTVE din que a decisión adoptada vulnera os acordos alcanzados, o mes pasado de xullo, entre a empresa e os sindicatos e ademais non ten sentido "cando está previsto convocar unha oferta pública de emprego este mesmo ano para a nova Corporación", segundo poñen de relevo.

Os concentrados onte tamén queren denunciar a situación dos que permanecerán no cadro de RTVE Galicia, tras a eliminación dos boletíns horarios locais e autonómicos de Radio 5, distinguidos no último Premio Galicia de Comunicación.

Aseguran no comunicado de denuncia da situación que a redución sen precedentes de programación en galego vai en contra da defensa do idioma e da España plural "que algúns din defender", sentencian.

Discriminación

Os traballadores de RTVE en Galicia aluden a discriminación en relación a Catalunya, comunidade con idioma propio, onde Ràdio 4 emite en catalán 24 horas ó día.

LUGO
EL CORREO GALLEGO
A. Arnáiz