Hoxe desaparece o último diario en galego
Hoxe, 25 de xaneiro, é o último día que sairá a rúa LV.De Luns a Venres, o xornal gratuíto en galego do Grupo El Progreso, que reaparecerá convertido en semanario o vindeiro 8 de febreiro, segundo unha información que hoxe difunde o propio medio.
Na mesma nota sinalase que o cambio non suporá a desaparición da información diaria, que se reforzará a través da súa páxina web, e que a nova publicación semanal aumentará as páxinas e a tirada, mantendo a aposta polo idioma galego.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, desexando os mellores ventos á nova travesía de LV, non pode menos que lamentar a desaparición do último dos xornais diarios en galego, despois de seis anos de presenza constante nas sete principais cidades do noso país. Sobre todo cando esa desaparición non obedece á falta de receptividade e apoio dos lectores, xa que, segundo asegura o propio medio no seu derradeiro número, "pechou o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia, segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu acadar os 38.000 lectores". Outros 7.000 recibían o xornal a diario nos seus correos electrónicos.
Por último e non precisamente menos importante, o CPXG é consciente de que unha medida como esta, por moito que se compense con reforzos e apostas dixitais, leva aparellada despedimentos de profesionais. Para eles a nosa solidariedade e o noso apoio xurídico. No actual momento profesional, os despedimentos non soamente supoñen unha suma de infortunios persoais, senón consolidar a tendencia de ter redaccións anoréxicas, que garantirán tarde ou cedo unha información similar.
Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
25 de xaneiro de 2013